Colapso na vía rápida do Barbanza para esixir a colocación de gardarraís bionda

    motosribeira_100_210708.jpgBARBANZA > Moteiros de toda Galicia volveron concentrarse en Ribeira para reclama-la instalación de gardarraís bionda nas estradas de nova creación.

    {flowplayer}barbanza/motosribeira.flv{/flowplayer}

    Novamente moteiros chegados dende diferentes puntos de toda Galicia acudiron á concentración convocada pola peña motociclista ‘Ídolos’ de Ribeira, en colaboración coa Agrupación Moteira do Barbanza, Muvi- Galicia e a Asociación Galega de Moteiros.

    Aínda así nesta ocasión non foi unha concentración calquera, e os moteiros quixeron facer unha chamada de atención á toda a cidadanía, especialmente ás Administracións que son as que deben de tomar unha decisión ó respecto e cumprir coa súa promesa de instalar gardarraís bionda nas estradas de nova construción.

    Importantes retencións

    Dende Padrón iniciaron ás cinco e media da tarde un percorrido polo actual tramo en obras dende esta localidade ata Ribeira, provocando importantes retencións de tráfico. No seu periplo ata a capital barbanzá chegaron a formar unha caravana de varios quilómetros de lonxitude, sen deixar de facer soa-las súas bucinas.

    As accións de protesta continuaron posteriormente na praza do Concello de Ribeira. Como en ocasións anteriores, douse lectura a varios manifestos nos que se volvía a reclama-la instalación de gardarraís de bionda nas estradas, poñendo como exemplo as obras da autovía do Barbanza.

    Dimisión

    Tamén pediron a dimisión da conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride por non atender ás súas solicitudes e mellorar-la seguridade vial nas estradas.

    Posteriormente tamén se gardou un minuto de silencio e realizouse unha bendición a tódolos presentes na concentración a cargo do párroco de Santa Uxía, Cesáreo Canabal.

    A xornada rematou no paseo do Malecón onde un grupo de moteiros protagonizou unha sentada nunha zona que xa fora vallada previamente pola Policía Local, polo que apenas tivo repercusión sobre o tráfico que por aquela hora circulaba pola cidade. De seguro esta non será a última protesta dos moteiros, que aseguraron que van a continuar loitando para que as súas reivindicacións sexan escoitadas.

    Redacción Barbanza