A autovía do Barbanza contará con gardarraís máis seguros para os motoristas

    gardarrais_100_141008.jpgBARBANZA > A conselleira de Política Territorial anunciou o incremento das medidas de seguridade nas estradas para protexer ós motoristas.

    {flowplayer}barbanza/gardarrais.flv{/flowplayer}

    Como non podía ser doutro xeito, durante a visita que realizou ó Barbanza, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María Xosé Caride, referiuse ás obras da autovía. Así indicou que os traballos marchan a un bo ritmo, o que fai pensar que poderían estar rematados nos prazos establecidos e entrar en funcionamento no mes de xaneiro. Fixo ademais un chamamento á precaución a todos aqueles condutores que circulan diariamente pola estrada e pediulle ós veciños desculpas polas molestias que as obras lles están a causar.

    Medidas de protección

    Durante a súa intervención tamén confirmou que a futura autovía contará con sistemas especiais de protección para os motoristas. Segundo ela pasarase de cero quilómetros de sistemas de protección para motoristas a 200 quilómetros. Así ós 80 quilómetros de elementos de seguridade xa contratados por un importe de 4,7 millóns de euros e que xa se comezaron a instalarse, a CPTOPT engadirá outros 120 quilómetros lineais a maiores.

    Nesta liña, a Consellería de Política Territorial, froito dos estudos realizados polo Ministerio de Fomento e a Asociación Española de la Carretera, vén de eleva-los parámetros técnicos requiridos para coloca-los sistemas de protección de motoristas.

    Deste xeito, Política Territorial ampliará a súa colocación a todas as novas autovías naqueles treitos nos que así o marquen os novos parámetros, incluídas as que xa foron postas recentemente en servizo como é o caso da do Salnés e Santiago-Brión.

    Con este anuncio acálanse un pouco as voces dos propios motoristas que viñan demandando dende hai tempo a instalación de gardarrais máis seguros nas estradas, fundamentalmente na autovía do Barbanza, unha obra aínda en construción e cunha notable densidade de tráfico.

    Redacción Barbanza