Caride coloca a primeira pedra das obras da segunda fase do corredor Brión – Noia

caridemartelonoia_100_111208.jpgLOUSAME > María Xosé Caride presidiu o acto de colocación da primeira pedra das obras do corredor Brión – Noia, no treito entre Martelo e Noia.

{flowplayer}barbanza/caridemartelonoia.flv{/flowplayer}

As obras do corredor entre Brión e Noia inciáronse xa en xaneiro deste ano. Na actualidade, os máis de nove quilómetros do primeiro treito entre Brión e Martelo atópanse totalmente en execución.

A visita da Conselleira de Política Territorial ó lugar de Fontefría, no concello de Lousame, anuncia o inicio dos traballos na segunda fase entre Martelo e Noia. A actuación comprende un treito de 8’7 quilómetros, que contarán con 8’4 quilómetros de carrís adicionais para vehículos lentos. O orzamento para a execución deste tramo é de 41 millóns e medio de euros e conta cun prazo de execución de 24 meses. Esta inversión virase sumar ós 44’4 millóns de euros investidos pola Consellería na primeira fase. Está previsto que a vía entre en servizo na súa totalidade a finais do ano 2010.

Dinamizador da comarca

Esta nova infraestrutura de comunicación dará continuidade á autovía Brión-Noia, xa en servizo, mellorando notablemente as comunicacións entre a comarca de Muros-Noia e Santiago.

A nova estrada contará con enlaces en Sampaio, para conectar coa futura variante de Noia, e en Pontenafonso. Ademais primarase a seguridade con máis de 11 quilómetros de barreiras de seguridade posto que foi preciso corrixir o proxecto adaptándoo á nova normativa.

Conexión con Santiago

O alcalde de Lousame quixo agradecer á Consellería o seu esforzo por mellorar as comunicacións da comarca conectándoa coa capital galega e tamén quixo ter un recordo co anterior titular de Obras Públicas, Alberto Núñez Feijoo, quen iniciou o proxecto.

Así mesmo, indicou que esta infraestrutura é froito do consenso e da inestimable colaboración veciñal que primaron os intereses xerais por encima dos privados.

Protesta veciñal

Se ben o día elixido por María Xosé Caride para a colocación da primeira pedra do treito Martelo-Noia non puido ser máis desapacible, tampouco a benvida recibida por parte dun grupo de veciños foi moi cálida. Os representantes dos afectados polo proxecto da variante concentráronse ás portas da carpa onde se celebraba o acto para expresar o seu rexeitamento ó proxecto que contempla un gran número de expropiacións.

Se ben a máxima responsable do departamento autonómico non accedeu a reunirse cos afectados, si o fixo o delegado provincial da Consellería, Alberto González, que se achegou a falar cos manifestantes. Estes recrimináronlle a súa actitude por terse decanatdo por un trazado que contempla unha gran afectación veciñal en lugar de apostar por algunha das alternativas que, sendo viables tecnicamente, non contemplaban tantos núcleos de poboación no seu trazado. Os afectados tamén quixeron saber porque a Consellería non tivo en conta as numerosas alegacións presentadas.

A pesar da evidente oposición veciñal, o proxecto da variante noiesa segue o seu curso. A Consellería está a piques de inciar a redacción do proxecto que terá unha lonxitude de nove quilómetros e medio dende o seu inicio na conexión co corredor Brión-Noia ata Taramancos.

Redacción Barbanza