Pesca insiste na prohibición do ‘monte maior’ no plan de explotación de Rianxo

    montemaior_100_09012009.jpgRIANXO > A aprobación do plan de explotación da confraría de Rianxo para o 2009 volveu ser motivo de polémica.

    {flowplayer}barbanza/montemaior.flv{/flowplayer}

    No plan de explotación remitido pola Consellería de Pesca á confraría de Rianxo para o 2009 recóllese, no apartado de ‘outras consideracións’, a prohibición do sistema de extracción e comercialización denominado monte maior que foi anulado por unha resolución de pesca do 9 de maio de 2008. Ata o de agora, o pósito seguía a aplicalo posto que presentou un recurso pendente de resolución no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

    Para aclarar a aplicación do novo sistema de traballo, especialmente no referido ós controis e vixilancia, unha delegación do pósito encabezada polo patrón maior e a presidenta da agrupación de mariscadoras a pé desprazouse ata Santiago, onde mantivo un encontro co director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga. Alí, expuxéronlle as dúbidas xurdidas no seo da agrupación en torno á aplicación do novo sistema e polo que esixen que se artelle un mecanismo de organización dende a Consellería de Pesca.

    Contradicións

    Así mesmo, a directiva do pósito transmitiu ó representante de Pesca algunhas cuestións referidas ás condicións que se recollen no plan como é a a prohibición da gancha a pé, arte que só se poderá utilizar ó abeiro dun plan experimental. Sen embargo, a confraría vén de recibir un escrito da delegación de Pesca na Coruña autorizando a extracción neste arte.

    O patrón maior referiuse tamén a outras cuestións como os paros biolóxicos que terán que asumir tódalas confrarías galegas que neste plan non aparecen contemplados posto que foi deseñado segundo o sistema en vigor, que era o reparto a monte maior. Por estes motivos, dende a directiva da agrupación de mariscadoras a pé acordaron non saír a traballar ata que se aclaren os termos en que se realizará a explotación dos bancos marisqueiros.

    Sector crítico

    A decisión da directiva de non saír a traballar desatou as críticas dun grupo de mariscadoras, as incluídas no denominado sector crítico. Este venres concentráronse ás portas da confraría solicitando unha explicación sobre as conclusións derivadas da xuntanza cos responsables de Pesca, da que non foron informadas.

    As mariscadoras rianxeiras atopáronse cun cartel ás portas da confraría informando de que non se reanudaría a actividade ata novo aviso da consellería de Pesca. As traballadoras integradas no sector crítico non están de acordo con esta decisión, adoptada unilateralmente pola directiva da agrupación. Entenden que é preciso aplicar o novo plan de explotación e se a actual directiva non é capaz de facelo debería dimitir en bloque e deixar paso a xente nova.

    Asemblea

    Finalmente, a directiva da agrupación e o patrón maior accederon a reunirse co grupo de mariscadoras que se concentrou ás portas da confraría. Tras informar sobre a resposta dos responsables de Pesca acordaron celebrar unha asemblea o sábado ás cinco da tarde para decidir a organización das vixilancias. O futuro das mariscadores depende dos acordos adoptados nesta reunión aínda que, en principio, agardan poder saír a traballar o luns.

    Redacción Barbanza