Canal Rías Baixas

Así se presenta a vixésima xornada de liga na Terceira

SALNÉS > Arousa e Vilalonga volverán a xogar na casa, ambos necesitados de victorias, mentres que Céltiga e Portonovo desprázanse fóra para afrontar dous complicados compromisos.

Despois do Compos, o Arousa recibe a visita doutro histórico, o Ourense. Non se pode conceder outro tropezo, nin o equipo nin o propio adestrador Juan Laxes, que comeza a estar cuestionado.

A intención é cortar de raíz os problemas na parcela defensiva, ante un rival de sobrada calidade no aspecto ofensivo. A boa nova para o cadro vilagarcián é que Padín está recuperado para o partido ó igual que Valiñas, que voltará ó eixo da defensa. Sí que causará baixa Roberto, que hoxe se someterá a unha resonancia para ver o alcance da súa lesión.

O Vilalonga pola súa banda recibe a un Narón crecido nas últimas semanas. O conxunto ferrolterrán partía como un dos grandes favoritos a meterse entre os catro primeiros este ano. Despois dun mal arranque agora suma seis victorias nos últimos sete partidos, o que lle fai un equipo temible. O cadro de Gabi Leis procurará voltar pola senda do triunfo para non verse metido no grupo traseiro e envolto en problemas. Lozano, por acumulación de tarxetas, e Diego Blanco, lesionado, son as únicas baixas que presentan os celestes.

Ademais Portonovo e Céltiga volven a xogar fóra por segunda xornada consecutiva.

Os da Illa ante o segundo clasificado, o Montañeros, nun encontro moi complicado ante un rival que dispón de homes de gran calidade de mediocampo cara arriba. Un partido que de gañalo, pode servirlle ós de Josiño para crer de novo nas súas posibilidades e engancharse ó tren dianteiro.

O Portonovo pola súa parte viaxa a Bouzas para medirse ó Rápido nun encontro vital para os de Milucho, xa que se enfrontan a un rival directo por eludir o descenso. Os locais sufriron hai dúas semanas un cambio de técnico, foise Felín e chegou Pablo Díaz. Renovaron a súa imaxe, xa lle gañaron ó Santa Comba a pasada semana e serán un equipo difícil de batir.

Redacción Salnés

Exit mobile version