A Garda Civil desarticula unha rede que comerciaba con reloxos falsos

    operacion_rolex_100_200209.jpgPONTEVEDRA> O líder da trama, residente en Valencia,  importaba a mercadoría de China e distribuíaa a nivel nacional. Catro dos 16 detidos son de Pontevedra.

    {flowplayer}images/salnes/200209_reloxos_falsos.flv{/flowplayer}

    Os reloxos de luxo, a maior parte da marca Rolex, eran importados desde China por un valor medio de 300 euros, para logo ser vendidos a prezos de ata 1000 euros. O suposto líder da trama é un cidadán español residente en Valencia. El encargábase de importar a mercadoría para logo distribuíla a través de internet e dunha rede de colaboradores espallada por toda España. Así o explicou o capitán José Corral, responsable da Oficina de Comunicación da Garda Civil.

    Os axentes detectaron envíos de reloxos a 11 provincias españolas, entre elas A Coruña e Pontevedra. Precisamente aquí realizouse un dos cinco rexistros da Operación Rolex. Foi en Sanxenxo, onde se localizou un cuarto local (xunto ós tres atopados en Valencia) no que se almacenaba a mercadoría. En total son 16 as persoas detidas, catro de Pontevedra, ás que se lles imputan delitos contra a propiedade industrial e intelectual. Os reloxos incautados, preto de cincocentos, destacan pola calidade das falsificacións.

    No marco desta operación, a Garda Civil descubriu tamén en Pontevedra unha trama dedicada á comercialización de descodificadores ilegais de televisión. Catro persoas foron arrestadas, entre elas un empresario da cidade dono dun comercio de electrónica. Tódolos detidos nestas operacións están en liberdade á espera de citación xudicial.

    Redacción Salnés