A Xunta achegará 900 mil euros para o centro comarcal de servizos

centrocomarcal_100_030309.jpgNOIA> O Consello da Xunta vén de aprobar a inversión de preto de 900 mil euros para a construción do centro comarcal de servizos administrativos.

{flowplayer}barbanza/centrocomarcal.flv{/flowplayer}

Este proxecto piloto ten por obxectivo unificar varios servizos de carácter administrativo dependentes de distintas Consellerías, tanto os relacionados co emprego, a saúde ou o medio ambiente, nun único inmoble.

Mellor servizo e máis espazos

Deste xeito, os cidadáns evitarán ter que desprazarse a varios puntos para realizar as súas xestións mentres que o concello aforrará espazos posto que o feito de aglutinar tódolos servizos nun único edificio permitirá deixar varios locais libres.

O centro conta cunha achega da Xunta de 893.352 euros que se vén sumar a outra partida da Deputación co que importe total para a súa construción, ascende a 1’4 millóns de euros. Ubicarase no malecón de Cadarso no solar da antiga praza de abastos e contará cunha superficie de 850 metros cadrados construídos e 665 útiles.

Estímase que as obras poderán dar comezo esta mesma primavera e os traballos non estarán rematados ata finais do próximo ano. O alcalde valorou moi positivamente esta inversión que permitirá converter a Noia nun referente na prestación de servizos para toda a comarca.

Redacción Barbanza