CAMBADOS> As actividades terán lugar os días 6, 7 e 8 de marzo no Auditorio da Xuventude.
{flowplayer}images/salnes/040309_cambados_actos_dia_muller.flv{/flowplayer}
A Escola de teatro, o Conservatorio Municipal e o departamento de Cultura do concello levan un mes deseñando os actos conmemorativos do Día da Muller Traballadora, que se celebra o domingo 8 de marzo. As celebracións arrincarán o vindeiro venres coa inauguración da exposición fotográfica ‘Olladas de muller’. As instantáneas presentan diferentes visións do mundo feminino e están realizadas pola directora da Escola de Teatro Noelia Toledano. Este mesmo día, os alumnos do centro de interpretación porán en escena a performance ‘Cando a formiga aprendeu a danzar’, amenizada por membros do Conservatorio. A continuación terá lugar a charla coloquio ‘Mulleres que fixeron Cambados’, a cargo de Luís Rey.
O sábado continúa a programación con outra charla sobre sexualidade feminina a cargo dunha psicóloga e a proxección do filme ‘Thelma e Louise’. Os actos de celebración clausuraranse o domingo cunha ollada ó pasado. A mostra ‘Historia en feminino’ fará un repaso polas mulleres máis influentes de tódolos tempos mentres que a historiadora Pilar Corredoira afondará na figura da pintora e escenógrafa galega Maruja Mallo.
Tódalas actividades programadas para estes días comezarán ás sete e media da tarde no Auditorio da Xuventude, agás o venres, que empezarán ás seis. No caso das dúas exposicións manteranse abertas ó público durante toda a semana que vén.
Redacción Salnés