Boiro homenaxea ás súas veciñas centenarias

    homenaxecentenaria_100_170309.jpgBOIRO> O concello de Boiro vén de render homenaxe á veciña María Teresa López Pensado despois de que cumprira os cen anos o pasado sete de marzo.

    {flowplayer}barbanza/homenaxecentenaria.flv{/flowplayer}

    Con un século de vida ás costas, María Teresa López celebrou o seu cumpreanos rodeada dunha gran familia. A súa filla, os tres netos e os seis bisnetos arrouparon a esta centenaria no día do seu cumpreanos.

    Dende o concello tamén se quixeron sumar á celebración. Por elo, este martes o alcalde, Xosé Deira, e os edís, Xoán Xesús Ares e Natalia Laíño, visitaron á homenaxeada na súa casa de Escarabote.

    Unha vida de traballo

    María Teresa leva xa varios anos encamada ó coidado da súa filla Concepción Barral. Esta lembra con nostalxia os duros anos que pasou a súa nai que, tras enviuvar moi nova, ós trinta anos, tivo que traballar a reo para sacar adiante á familia.

    Máis axudas

    Lonxe quedan agora eses anos de penurias a pesar de que a súa filla, con xa 73 anos, ten que facer moitos esforzos para ocuparse da súa nai. Por elo, aproveitou a visita das autoridades municipais para solicitar o servizo de axuda a domicilio e poder compaxinar as tarefas domésticas co coidado da súa nai. Petición que estudarán os Servizos Sociais do concello para que a María Teresa non lle falte de nada nestes últimos anos da súa vida.

    A homenaxe ós veciños centenarios é unha tradición que leva desenvolvendo o concello durante os últimos anos, posto que Boiro é un dos municipios coa poboación máis lonxeva de toda a comarca. Este mesmo mes, outra veciña, María Antonia Suárez, facía os cen anos o día tres de marzo.

    Redacción Barbanza