Pontevedra é a sexta provincia con máis positivos por alcoholemia

    trfico100.jpgPONTEVEDRA> O subdelegado presidiu a Comisión da Seguridade Viaria, na que se informou do aumento das vítimas mortais en vías urbanas.

    A administración reclama máis compromiso dos cidadáns para evitar as vítimas mortais na estrada. A aplicación da nova lei do carné por puntos provocou que 1.302 condutores da provincia perderan o seu carné de conducir dende que se puxo en marcha esta normativa. O 85% dos sancionados son varóns, cunha media de idade de 31 anos. O 18% dos condutores que perderon o seu carné, por puntos, son noveis.

    Hoxe presentáronse os datos de mortos en accidentes de circulación durante o ano 2008 que ascende ata 68. Faleceron 22 persoas en accidentes en vías urbanas da provincia, fronte ás 5 vítimas mortais que se rexistraron no ano anterior. Aumentou o número de falecidos en vías urbanas pero diminuíu a cifra de vítimas mortais en vías interurbanas. No ano 2008 houbo 46 mortos, fronte aos 77 mortos que se rexistraron no ano 2007. Os datos deron á volta dende xaneiro. As cifras de falecidos en accidentes, en vías interurbanas, aumentaron, de novo, nos primeiros meses do ano 2009.

    No que respecta aos Puntos Negros ou Tramos de Concentración de Accidentes catalogados por Tráfico, a Administración ten previsto realizar actuacións nas estradas catalogadas como potencialmente perigosas. Antes do verán sinalaranse catro dos vintecatro tramos perigosos na provincia, segundo Delfín Fernández.

    No último ano aumentaron as denuncias por non facer uso do cinto de seguridade, en vías urbanas e interurbanas. O alcohol segue a ser protagonista ao volante durante o ano pasado, e na actualidade. Amais dos controles ordinarios, aumentou o número de accidentados que dan positivo no control de alcoholemia. No ano 2008 tamén aumentaron as denuncias por empregar o teléfono móbil namentres se conduce.

    NOVAS VÍAS

    Segundo o subdelegado do Goberno a apertura de novas vías de tráfico mellorará a circulación. Na comarca do Salnés o remate do enlace do peirao, e a conexión que une a nacional 640 coa PO531, desconxestionarán o tráfico en Vilagarcía. A apertura da variante de Caldas, que está a punto de poñerse en funcionamento tamén mellorará o tráfico con este municipio, segundo Delfín Fernández.

    Redacción Salnés

    {flowplayer}images/salnes/270309_comision_seguridade_vial.flv{/flowplayer}