Francia lévase a Basket Cup tras derrotar na final a Rusia

basketcup250_130409.jpgVILAGARCÍA> Francia adxudicouse a XIV Vilagarcía Basket Cup, a primeira como torneo internacional sub-18. A selección gala impúxose a Rusia na final disputada onte en Fexdega por un apretado 66-63.

{flowplayer}images/salnes/FinalBasket_130409.flv{/flowplayer} 

Mereceuna Francia. Foi a mellor de cantas seleccións pasaron durante os últimos catro días polo Recinto Feiral de Fexdega, chamado para a ocasión Vilagarcía Arena.

Os de Phillipe Ory gañaron tódolos seus partidos, impoñéndose ademais de a Rusia, a República Checa e Nova Zelanda. Tamén foron verdugos de Italia no partido inaugural, un encontro que chegou á prórroga e que á postre foi decisivo para darlle o primeiro posto do grupo B por diante da escadra azzurra.

A final foi un auténtico choque de baloncestos. O rigor táctico e o xogo lento e cerebral dos rusos, ante a velocidade, o músculo e o contragolpe dos galos. Os de Mihaly Solovyev levaron a iniciativa no marcador durante boa parte do encontro, fóronse tres arriba ó descanso (31-28) e trala pausa chegaron a dominar por seis (34-28).

Xusto nese intre os franceses subiron a súa intensidade defensiva, ós rusos deixoulles de funcionar o lanzamento exterior e Francia deulle-la volta ó electrónico situándose oito por enriba nun abrir e pechar de ollos (36-44), a máxima do partido.

A partir o choque foi unha loita constante, uns por meterse no partido e os outros por evitalo. Rusia conseguíu entrar no último minuto con opcións grazas ós triples de Eugeny Voytyuk aínda que no outro aro apareceu Stiljkovic para tranquilidade dos seus.

A catro segundos para o remate e con 66-63 no marcador Pavel Shavkunov dispuxo de dous tiros libres. Errou os dous e os franceses cazaron ese último e decisivo rebote que lles deu un triunfo e un título, tan traballado como merecido.

Redacción Salnés