O BNG denuncia a adxudicación das obras do FEIL a empresas foráneas

    bngfil_100_160409.jpgPOBRA> O BNG acusa ó goberno local de adxudicar a maior parte das obras do fondo estatal a empresa de fóra da comarca.

    {flowplayer}barbanza/bngfil.flv{/flowplayer}

    Cando se iniciou a tramitación dos proxectos a incluír no fondo estatal, o BNG xa denunciaba que o proceso comezaba con mal pe posto que non se contou coa oposición para consensuar as actuacións e o goberno limitouse a dar conta das propostas incluidas nun pleno ordinario.

    Agora, xa adxudicados tódolos proxectos por valor próximo a 1’8 millóns de euros os nacionalistas veñen confirmar as súas peores sospeitas posto que soamente unha das obras, o abastecemento e saneamento no lugar do Pozo, cun orzamento de 86 mil euros, foi adxudicado a unha empresa pobresa.

    Obxectivo incumprido

    Deste xeito, ó desoir tanto o chamamento da patronal comarcal da construción e dos propios grupos da oposición, o goberno non cumprirá cos obxectivos do plan que preveía empregar a 28 persoas da zona.

    Segundo os nacionalistas, a maioría das empresas radicadas na Coruña, Santiago e Laxe, procederán a empregar a traballadores do ámbito no que teñen a súa sede social co que o plan apenas terá repercusión na vila pobresa ou no resto da comarca. Os nacionalistas responsabilizan directamente ó executivo que, en lugar de convocar a empresas da comarca, nas obras que se adxudicaron polo procedemento negociado sen publicidade, optou por firmas de fóra.

    Aínda que de momento non está previsto que se habilite novamente unha partida deste tipo, os nacionalistas fan un chamamento ós gobernantes locais para que, nun futuro, de contar con novos fondos atendan as demandas dos grupos da oposición e favorezan a creación de emprego entre os seus cidadáns.

    Redacción Barbanza