A Policía Local de Ribeira inicia as mobilizacións para esixir melloras salariais

    protestapolicia_100_140509.jpgRIBEIRA> Os axentes da Policía Local concentráronse ás portas da casa consistorial para esixir ó executivo unha serie de melloras laborais.

    {flowplayer}barbanza/protestapolicia.flv{/flowplayer}

    Ante os escasos froitos derivados do diálogo coa administración, a policía local de Ribeira non tivo máis remedio que recorrer ás medidas de presión para esixir melloras. Ó grito de consignas reivindicativas, os axentes concentráronse este xoves ante o concello nunha sonora protesta coa que pretendían chama-la atención non só das autoridades, senón tamén dos cidadáns, sobre o seu problema.

    Reclasificación

    A principal demanda deste corpo é que o concello cumpra o acordo de reclasificación pactado en 2008, para equiparase ó grupo C1, tal e como recolle a nova Lei de Coordinación de Policías Locais. A reclasificación levaríase a cabo en tres anos pero o concello só respectou o seu compromiso durante o pasado ano mentres que en 2009 paralizou o proceso baseándose nun informe técnico.

    E é que esta normativa, aínda que non recoñece especificamente a suba salarial, establece novas funcións para este corpo que se suman ás relativas a seguridade cidadá, violencia de xénero e protección do menor recollidas nun convenio suscrito entre a alcaldía e o Ministerio de Interior.

    Relación de postos de traballo

    Nas súas protestas os traballadores tamén fan referencia á necesidade de elaborar un catálogo de postos de traballo despois de que fóra contratado en dúas ocasións sen que chegara a aplicarse.

    Dende o Sindicato Profesional de Policías Municipais de Galicia non dubidarán en recorrer ó contencioso administrativo cada vez que entre un novo compañeiro na plantilla do corpo ribeirés posto que a pesar de esixirlle unha titulación superior segue a cobrar segundo o grupo C2 en lugar do C1.

    Mentres o goberno local non retome as negociacións coa policía, os axentes seguirán a promover distintas concentracións de protesta apoiados por compañeiros doutros concellos.

    Vontade de diálogo

    {flowplayer}barbanza/protestapolicia2.flv{/flowplayer}

    Precisamente o concello de Ribeira emitiu un comunicado a través do cal manifesta a súa sorpresa e incomprensión polas concentracións iniciadas polos axentes do corpo da Policía Local. Dende o executivo ribeirés sinálase que sempre existiu vontade de diálogo, escoitando en todo momento e valorando as reivindicacións plantexadas ata o de agora.

    Con respecto á relación de postos de traballo argumentan que está a ser redactado nestes momentos e que servirá tanto para reorganizar as funcións do cadro de persoal municipal no seu conxunto como para concretar tamén as retribucións asignadas a cada posto de traballo en función das tarefas encomendadas. A confección desta RPT é, para eles, un requisito imprescindible para que se poidan abordar posteriormente os incrementos salariais demandados, xa que a Lei de Orzamentos do Estado impide realizar, segundo expresan os informes técnicos e xurídicos, calquera subida a un traballador municipal por enriba do que a lei estableza.

    Agravio comparativo

    Por esta razón consideran que atender ás esixencias baixo presión dos axentes sería un acto que non estaría amparado pola lei e ademais constituiría un agravio comparativo co resto de traballadores municipais.

    Para xustifica-la súa postura dende o executivo tamén se sinala que os axentes están a gozar ademais dunha gratificación que non percibe ningún outro traballador municipal, coñecido como complemento de dispoñibilidade.

    Aínda así e agardando a que os actos de protesta vaian a máis como veu acontecendo noutros concellos veciños, dende o equipo de goberno queren mandar unha mensaxe de tranquilidade ós veciños, sinalando que o servizo estará debidamente cuberto.

    Redacción Barbanza