ADEGA incide no impacto paisaxístico e ambiental da ponte sobre a ría

adega_100_260509.jpgNOIA> O colectivo ecoloxista ADEGA vén de amosar unha vez máis o seu rexeitamento ó proxecto da Xunta de recupera-lo viaduto sobre a ría de Noia.

{flowplayer}barbanza/adega.flv{/flowplayer}

ADEGA fundamenta o seu rexeitamento a este proxecto baseándose en varios informes que a propia Xunta, daquela presidida por Manuel Fraga, encargara e nos que se alertaba do gran impacto que esta obra provocaría sobre os bancos marisqueiros existentes na ría de Noia.

Estes informes foron segundo os membros do colectivo ecoloxista a base para que o posterior Goberno Bipartito na Xunta rexeitara a actuación, atendendo deste xeito ás demandas dun sector maioritario dos veciños de Noia, confraría e mariscadoras, que tamén se posicionaron en contra deste proxecto.

Danos ambientais

Dende ADEGA non se entende como agora, o novo Goberno Autonómico presidido por Alberto Núñez Feijoo resucita este proxecto que afectará considerablemente a unha zona recoñecida como Lugar de Interese Comunitario da Rede Natura e á importante riqueza marisqueira da ría noiesa.

Os membros da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia sinalan ademais que sobre este viaduto, nada cambiou con respecto ós informes que a Administración Fraga tentara agochar e que expertos ambientais da Universidade de Cantabria consideraron determinantes para que logo se rexeitara a obra, xa que afectaría gravemente ó LIC Esteiro do Tambre, á paisaxe litoral da ría de Noia, provocaría cambios de correntes que mudarían a composición e profundidade da enseada e poñería en perigo os ricos bancos marisqueiros do Testal, A Misela e A Barquiña, entre outros.

Redacción Barbanza