O PSOE cifra a débeda real do concello en 3 millóns de euros

    psoepobradebeda_100_23072009.jpgPOBRA> Para os socialistas o alcalde continúa mentido cando di que arranxará en menos de dous meses a situación económica.

    Se onte era a agrupación do BNG da Pobra a que acusaba ao goberno local de hipotecar o futuro económico do municipio, hoxe foi a quenda da agrupación socialista que criticou ao alcalde Isaac Maceiras por ocultar a verdadeira débeda que ten o concello e que ascende a máis de tres millóns de euros.

    Os socialistas pediron explicacións ao rexedor para saber cales son os verdadeiros motivos polos que desconvocou o pleno extraordinario que se ía celebrar na tarde de onte para a aprobación dun crédito dun millón de euros co que pagar as débedas cos acredores. Segundo creen dende esta formación política, a realidade é que trata de ocultar a verdadeira situación económica do concello que é que non ten capacidade para facer fronte a un préstamo a curto prazo porque está hipotecado en máis de tres millóns de euros.

    Ademáis, din os socialistas pobreses, a alternativa ao plan de saneamento que dá o alcalde recorrendo a unha operación de tesourería de catrocentos mil euros é insuficiente para pagar as facturas de todas as empresas as que o concello lles debe cartos.

    Futuro hipotecado

    Canda isto, engaden, que non é verdade que a solicitude do Plan de saneamento económico do goberno central leve aparellada unha suba de impostos, tal e como explicou antonte o concelleiro de Facenda. Para os socialistas o alcalde continúa mentido cando di que arranxará en menos de dous meses a situación económica do concello.

    Os socialistas pobreses critican tamén o plan de reequilibrio orzamentario que ten pensado aplicar o goberno local baseado na reducción dos gastos de persoal. Dende esta formación política animan aos veciños a consultar os datos económicos do concello que cada ano publica o Consello de Contas para comprobar que non se axustan a realidade que dí o alcalde.

    Redacción Barbanza