Guindan ao mar o vehículo dun vixiante do pósito crucense

    sabotaxefurtivoscabo_100_13102009.jpgBOIRO> O patrón maior ten a seguridade de que detrás deste acto de sabotaxe están furtivos cos que manteñen dende hai meses un tenso conflicto.

    Os feitos aconteceron ao redor das seis da mañá de onte, cando un vixiante da confraría de Cabo de Cruz se dispoñía a substituir a un compañeiro que fixera a quenda de noite. O traballador deixou o seu automóbil estacionado no peirao. Minutos máis tarde o vehículo precipitábase ao mar.

    {flowplayer}barbanza/sabotaxefurtivoscabo.flv{/flowplayer}

    Para retirar o vehículo, localizado a seis metros de profundidade, foi preciso utilizar un guindastre. Na operación tomaron parte mergulladores do Grumir e bombeiros de Ribeira, Protección civil e policia local de Boiro.

    Malia que aínda non hai ningún detido, e a Guardia Civil continúa investigando o acontecido, segundo explicou o patrón maior da confraría de Cabo de Cruz, Carmelo Vidal, todo indica que o automóbil non caeu a auga polo seu propio peso. Vidal asegura que hai sospeitas que fan pensar que os presuntos autores desta sabotaxe puideron ser varios furtivos cos que a directiva do pósito crucense mantén un duro enfrontamento dende hai xa varios meses.

    Enésimo ataque

    Para Carmelo Vidal a situación estase a tornar insostible, xa que levan meses aturando continuados ataques dos furtivos. Hai uns meses destrozaron con bates de beisbol un dos todoterreos da confraría, guindaron pedras e intimidaron ao persoal de vixiancia con coitelos e sachos e mesmo chegaron a agredir de consideración a un directivo da confraría.

    O patrón maior asegura que é dificil facerlles fronte, xa que están moi organizados. Por tal motivo, solicitará a intermediación no conflicto da Consellería do Mar. Para o patrón crucense unha das solucións para erradicar o furtivismo pasa por aumentar a vixiancia e sancionar aos que mercan marisco ilegal.

    Redacción Barbanza