Os traballadores de Alfageme dan luz verde ó Plan de Viabilidade

    alfageme_100_281009.jpgSALNÉS> O acordo permitirá obter un aval de 9 millóns de euros do IGAPE para intentar reflotar a empresa.

    O setenta por cento dos traballadores de Alfageme deron o seu visto bo á posta en marcha do plan de viabilidade da empresa. Despois de comezar a xornada cunha nova manifestación nas plantas de Ribadumia e Vigo, os empregados das catro factorías que posúe este grupo, agás a de Vigo, decidiron respaldar por maioría esta medida como única vía para conseguir reflotar a empresa. A acta de acordo asinábase hai pouco máis dunha hora en Santiago, no marco da xuntanza mantida entre os representantes da empresa, o director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñán, o representante do IGAPE, Pedro Caldas, e un membro da Inspección de Traballo.

    Acadar este consenso non foi doado, pero era a condición imposta polo IGAPE para conceder un aval co que empezar a reflotar a empresa, nestes intres en quebra técnica. Trala reunión, a acta de acordo foi remitida inmediatamente ó director xeral do IGAPE, e agora agárdase que o luns, como moi tarde, este organismo conceda a Alfageme unha primeira partida de 9 millóns de euros.

    A acta asinada incorpora un anexo coas condicións básicas do acordo: que a toma de decisións no Consello de Administración estea en mans de tres conselleiros independentes. En segundo lugar, os beneficios obtidos da venda dos terreos nos que está implantada a factoría de Vigo deberán reinvestirse en eliminar débeda e garantir a produción. E por último, a dirección debe reunirse unha vez ó mes cos representantes dos traballadores para dar conta da marcha do grupo.

    A aplicación do plan de viabilidade conlevará o peche das factorías de Vigo e O Grove. Sesenta persoas serán despedidas, e as restantes, reubicadas nas plantas de Ribadumia e Vilaxoán.

    Redacción Salnés