Arrinca o xuízo polo asasinato de Cristian Willisch

    crime_cristian_willisch100.jpgPONTEVEDRA> A partir do martes xulgarase na Audiencia Provincial ós tres vilanoveses detidos como presuntos implicados na morte do mozo de 18 anos.

    {flowplayer}images/salnes/cristian_willisch.flv{/flowplayer}

    Hai dous anos, os veciños da Illa de Arousa amosábanse así de indignados no xulgado de Vilagarcía polo asasinato de Cristian Willisch, un mozo de tan só 18 anos. Daquela detívose a tres vilanoveses, Antonio Pouso Aído, o Cuco, considerado autor material do apuñalamento, Roberto Millán Mariño e Abraham Rey Alonso. A entrada e saída dos acusados no Xulgado de Vilagarcía desenvolveuse aquel 11 de setembro entre altercados e foron os propios familiares de Cristian os que acabaron pedindo ós seus amigos que deixaran o caso en mans da xustiza.

    Os tres acusados serán xulgados por un xurado popular na vista oral que se inicia o martes na sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra. Segundo a versión dos feitos que defenderá no xuízo o fiscal, na madrugada do 8 de setembro de 2007, os tres acusados atopábanse no bar Troula, en Vilanova, cando irromperon no establecemento seis mozos da Illa, cos que a penas tres horas antes tiveran un enfrontamento na discoteca Ilusión, en Vilanova. Un deles era Cristian Willisch. No bar volveron a enfrontarse e acabaron saíndo á rúa.

    O fiscal afirma que Antonio Pouso saíu cun coitelo do bar agochado no antebrazo e que se abalanzou sobre Cristian e lle asestou unha única e fortísima puñada no peito á altura do corazón. O mozo da Illa entrou ferido de morte no bar onde perdeu a vida ós poucos minutos e os tres acusados fuxiron a toda velocidade. Persoas achegadas a Cristian acusaron entón á Garda Civil de protexer ós asasinos, por non deter o autor dos feitos na noite do venres, cando alertaron que este andaba cunha pistola de balíns na discoteca. O fiscal pide para Antonio Pouso ‘o Cuco’ 15 anos de prisión por un delito de homicidio, e para os seus amigos Roberto Millán e Abraham Rey tres anos de cárcere por un delito de encubrimento. O Cuco xa leva no cárcere da Lama desde o 11 de setembro de 2007 por orde do Xulgado de Vilagarcía. Ese mesmo día, os outros dous implicados foron postos en liberdade con cargos. A audiencia provincial reservou catro días para este xuízo.

    Redacción Salnés