Antonio Pouso declárase culpable da morte de Cristian Willisch

    xuizo_asasinato_cristian100.jpgPONTEVEDRA> Antonio Pouso Aído declarouse culpable da morte de Cristian Willisch, pero asegurou que non era a súa intención matalo e alegou que estaba bébedo.

    {flowplayer}images/salnes/xuizo_asasinato_cristian.flv{/flowplayer}

    PONTEVEDRA> Antonio Pouso Aído, alias o Cuco, declarouse culpable da morte de Cristian Willisch, o mozo da Illa de 18 anos que perdeu a vida hai dous anos nunha pelexa diante dun bar de Vilanova. O acusado afirmou ser o autor material da coitelada pero asegurou que non era a súa intención matar a Cristian e xustificouse en que estaba bébedo e que lle acababan de patear a cabeza. Así o dixo na vista oral celebrada esta mañá na Audiencia Provincial de Pontevedra.

    Segundo o relato dos feitos que se expuxo no xuízo, na noite do 8 de setembro de 2007 o acusado e máis dous amigos, Abraham Rey e Roberto Millán, atopábanse no bar Troula cando chegaron seis ou sete mozos da Illa, entre eles Cristian. Estes dous grupos xa tiveran un enfrontamento horas antes na discoteca Ilusión de Vilanova, onde ó parecer o acusado ameazou ós da Illa cunha pistola de aire comprimido. No bar houbo outra discusión e Antonio Pouso saíu fóra a pelexar cun amigo de Cristian, cun coitelo agochado. Cristian tentou separalos e foi quen recibiu a coitelada moi preto do corazón, morrendo pouco despois.

    O acusado fuxiu cos dous amigos, chegando ata Portugal, segundo o seu avogado, por medo a represalias, e cre que foi mellor así porque senón o desenlace puido ser máis grave. 24 horas despois entregáronse na Garda Civil, tal como declarou o Cuco, despois de que os avisaran por teléfono da morte de Cristian. A acusación particular, que representa á familia do falecido, pide 24 anos de prisión para Antonio Pouso por homicidio e ameazas. O fiscal solicita 15 anos por un suposto delito de homicidio, mentres que a defensa rebaixa esta condena a non máis de 5 anos. Argumenta que o grupo ó que se enfrontaba o seu defendido era máis numeroso e ademais foi quen empezou a pelexa. Alega como atenuante a entrega voluntaria e que actuou baixo os efectos do alcol.

    A defensa pide tamén a libre absolución para os outros dous acusados, Abraham Rey e Roberto Millán. A acusación particular nin os menciona, sen embargo a fiscalía solicita para eles tres anos de prisión por un suposto delito de encubrimento. Como xa acontecera hai dous anos no xulgado de Vilagarcía, hoxe en Pontevedra tamén houbo tensión. Na sala o xuíz chamou a atención ós familiares por exteriorizar os seus sentimentos, e na saída, a Garda Civil tivo que conter ós achegados de Cristian, que a tomaron a golpes contra o furgón no que devolvían a Antonio Pouso ó cárcere da Lama. A sección cuarta da Audiencia Provincial reservou a sala para outros tres días máis e será un Xurado Popular quen decidirá o veredicto.

    Redacción Salnés