As asociacións de comerciantes reparten os premios do Nadal

    premios_comerciantes_illa_100_241209.jpgSALNÉS> Os comerciantes de A Illa premiaron a fidelidade dos compradores con 30 cestas agasallo e os de Sanxenxo con quince cheques que suman 6.000 euros.

    {flowplayer}images/salnes/241209_PREMIOS_ILLA.flv{/flowplayer}

    Este ano os comerciantes de A Illa decidiron dar un cambio de imaxe á súa campaña de Nadal. Substituíron os tradicionais vales de compra por 30 cestas agasallo inzadas dos produtos máis variados. Unha idea que contou con gran acollida tanto entre os 22 establecementos asociados como entre os clientes. A entrega destes premios celebrouse no Salón de Plenos do concello, e contou coa presenza da Directora Xeral de Comercio, Nava Castro, quen salientou o apoio institucional co que nestes intres conta o comercio de proximidade.

    Para conseguir unha destas cestas, só era preciso mercar nalgún dos comercios adheridos á Asociación de Empresarios. Con cada compra, os vendedores entregaban unhas rifas, que foron as que entraron no sorteo celebrado o domingo. Unha modalidade máis de premiar a confianza dos consumidores nunhas datas nas que as vendas se multiplican.

    6.000 euros en vales de compra

    Outra das asociacións de comerciantes que entregou xa os seus premios de Nadal foi Entretendas, de Sanxenxo. Foi durante a tradicional gala que organizan cada ano por estas datas e, de novo, a convocatoria resultou todo un éxito de público. O Auditorio do Pazo da Cultura Emilia Pardo Bazán encheuse ata a bandeira para gozar dunha divertida obra de teatro, ‘Criaturas’, a cargo da Asociación Teatro do Mar, pero tamén para ver de preto ós afortunados que gañaron os quince vales de compra sorteados o pasado luns nas oficinas da Asociación. En total, os socios de Entretendas entregaron seis mil euros en premios, repartidos en cinco cheques de mil euros e dez de cen euros. Os agasallos foron para veciños de Sanxenxo, Poio e O Grove. A partir de hoxe os agraciados dispoñen de tres días para canxear estes vales nalgún dos 125 establecementos que forman parte de Entretendas.

    Redacción Salnés