O BNG pide á Xunta que axilice o Centro de Saúde Mental

    bngcentrosaudemental_100_190210.jpgBARBANZA> O BNG levará ó Parlamento a construción do Centro de Saúde Mental, que se atopa paralizado tras ser adxudicado en agosto de 2009.

    {flowplayer}barbanza/bngbarbanzacentrosaudemental.flv{/flowplayer}

    Ademais da iniciativa parlamentaria, o BNG presentará mocións nos catro concellos da comarca para instar á Xunta á inmediata construción e posta en marcha do Centro de Saúde Mental do Barbanza.

    Este proxecto comezouse a xestar durante a anterior lexislatura cando o daquela goberno bipartito elaborou o Plan de Saúde Mental 2006-2011. Neste documento reflexábanse as carencias do Barbanza nesta área sanitaria, sendo o único hospital de Galicia que non conta cunha unidade de saúde mental. Por isto, proxectouse o centro que integraría tamén o servizo de asistencia a drogodependentes nuns terreos próximos ó hospital. A actuación foi licitada hai case un ano pero de momento non se iniciaron as obras.

    Cesión dos terreos

    A través das iniciativas presentadas, os nacionalistas esixen á Xunta que expliquen os motivos da paralización desta actuación. Segundo explicou a voceira do BNG de Ribeira, Dominga Brión, a principal traba está en que o concello non solicitou os terreos á comunidade de montes de Oleiros, propietaria da parcela onde se vai ubicar, para que puideran facer a cesión oficial.

    Responsabilizan ó executivo local de non ter realizado este trámite a pesar de que, denuncian, o alcalde dixo en repetidas ocasións que xa estaban cedidos.

    Afán privatizador

    Os nacionalistas cren que esta pasividade do goberno autonómico á hora de poñer en marcha servizos públicos tan necesarios para a poboación agocha un interese por privatizar a sanidade.

    Sexan cales sexan os motivos que están a demorar a construción do Centro de Saúde Mental do Barbanza, dende o BNG farán todo o posible para que entre en funcionamento nun prazo de tempo razoable e se poida cumprir a ratio recomendada dunha unidade de saúde mental por sesenta e seis mil habitantes.

    Redacción Barbanza