O Concello denuncia a un construtor por agredir á arquitecta municipal

    manuel_vazquez100.jpgA ILLA> A arquitecta municipal da Illa foi agredida e retida contra a súa vontade, durante unha hora por un construtor.

    {flowplayer}images/salnes/agresion.flv{/flowplayer}

    A ILLA> A arquitecta municipal da Illa de Arousa foi agredida e retida contra a súa vontade, durante unha hora por un construtor. Foi onte no mesmo Concello. O alcalde, o concelleiro de urbanismo e outros compañeiros da arquitecta, presenciaron o suceso.

    A Casa do Concello da Illa de Arousa é un lugar diáfano, pois tódalas súas dependencias están acristaladas. Así, a través das ventás, puideron presenciar todo o suceso os presentes no concello. Segundo as testemuñas, o agresor, un coñecido construtor chamado Chaves Daporta, reclamaba a berros unha licenza de primeira ocupación á arquitecta municipal, Pastora Parada. Non conforme con berrar e ameazar a todos os presentes, Chaves Daporta chegou a agredir á arquitecta coa que estivo pechado no despacho ata que chegou a Garda Civil.

    Pastora Parada non esquecerá o día de onte fácilmente. Os golpes e mazaduras doen, pero, segundo o alcalde, os insultos e ameazas de morte aos fillos, doen aínda mais. A técnica atópase de baixa médica, logo de someterse a un recoñecemento no Hospital do Salnés.

    Chaves Daporta é coñecido na vila polo seu carácter problemático. Segundo Vázquez, este non é un feito illado pois trátase dun home agresivo que amais, acumula un feixe de infraccións urbanísticas nas súas construcións, algunha delas, expedientada por Costas.

    Tendo en conta este suceso, os voceiros municipais do BNG, PSOE e PP acordaron hoxe nunha reunión amosar a súa solidariedade e apoio á arquitecta municipal e o seu rexeitamento total a calquera tipo de violencia tanto ás persoas como institucións, e manifestar todo o seu apoio ós traballadores do Concello. Os voceiros municipais afirman ‘confiar na xustiza para que estes actos lamentables non se volvan a repetir e non alteren o normal funcionamento da vida municipal’.

    Redacción Salnés