O Portonovo lévase o derbi e xa é de Terceira

portonovo250_180510.jpgCAMBADOS> Os de Baltar acadaron o seu obxectivo unha semana antes do remate da competición e foi nun derbi, ante o Cambados, ó que venceu por 1-2. Volven á Terceira tan só un ano despois do seu descenso.

{flowplayer}images/salnes/portonovo_180510.flv{/flowplayer} 

Obxectivo cumprido para o Portonovo. O conxunto de José María Rial estará a vindeira temporada na Terceira, despois de proclamarse este domingo en Burgáns campión do Grupo Sur da Preferente.

A comezos de temporada era un dos favoritos para copar unha desas dúas primeiras prazas. Todos sabían da dificultade dunha categoría como esta, tan igualada, pero neste tramo final, cando todo se decidía, o equipo sacou o mellor de sí mesmo.

O esforzo e a calidade decidíu nas derradeiras citas. Malas primeiras partes e bos segundos tempos. O mesmo guión repetíuse en Cambados logo de que os locais se adiantasen no marcador ós 20 minutos por mediación de Álex Cubas, que transformou un penalti cometido por César.

Os nervios atenazaron ós visitantes mentres que os locais, sen facer grandes esforzos, dominaban a situación. De feito ata o segundo tempo non se víu a mellor versión do Portonovo. Comesaña e Nacho entraron moito máis en xogo e engancharon ben con Ero e Guimeráns, que crearon perigo polo centro e polas bandas. En dous minutos tiveron dúas ocasións, no terceiro chegou o empate por mediación do uruguayo, que definíu con clase dentro do área.

A remontada completaríase a vinte minutos para o remate cunha xogada que pasou polos pés de Ero primeiro, logo centrou Guimeráns, peiteou Nacho e Aarón cazou o rexeite de Felipe para poñer o 1-2. O xoven dianteiro de Cangas demostrou unha vez máis que a directiva non se equivocou coa súa fichaxe.

Puido sentenciar o Portonovo e puido empatar tamén o Cambados nalgún balón colgado nos derradeiros minutos, cando xa xogaba con dez por expulsión de Dani . Pero a un íalle moito no choque e para o outro, era un mero trámite. Por iso o encontro foi morrendo ata dar paso á festa.

Afeccionados, xogadores, corpo técnico e directiva festexaron o logro acadado en Burgáns, no centro do campo, con manteos incluidos.

O Portonovo devolve así ó Salnés ó seu segundo representante na Terceira, logo do descenso do Céltiga e estará ó carón do Vilalonga o vindeiro ano competindo na máxima autonómica.

Redacción Salnés