Iníciase a expropiación forzosa dos terreos da EDAR de Corrubedo

    plenoribeiraedarcorrubedo.jpgRIBEIRA> O trámite foi adoptado pola corporación ribeiresa durante a celebración,  na noite do luns, do último pleno ordinario antes das vacacións.

    {flowplayer}barbanza/plenoribeiraedarcorrubedo.flv{/flowplayer}

    Con este trámite o equipo de goberno que preside Xosé Luís Torres Colomer da inicio ó proceso de adquisión dos terreos necesarios para a construción da futura Estación Depuradora de Augas Residuais de Corrubedo que se construirá na zona de Punta Paxariñas e virá a dar servizo ademais dos veciños desta parroquia tamén ós de Olveira, Oleiros e Artes. Así solucionaranse dunha vez por todas os puntos de vertido directos ó mar, algún dos cales están situados nas praias da zona.

    Seis mil metros cadrados

    Os terreos necesarios para efectua-la instalación alcanzarían os seis mil metros cadrados, afectando a un total de seis propietarios, dos cales catro xa foron identificados, cos que xa se está a chegar a un procedemento negociado. Aínda así existen dous terreos con propietarios descoñecidos polo que é necesario inicia-lo trámite de expropiación. De aí que onte se levara a pleno.

    Sete millóns de euros

    A consellería de Medio Ambiente investirá nesta depuradora uns sete millóns de euros. A planta contará cunha capacidade de tratamento para una poboación equivalente de oito mil habitantes, debido fundamentalmente a que durante os meses de verán, a poboación nestas zonas vese incrementada de xeito considerable, especialmente na parroquia de Corrubedo, debido á afluencia de turistas.

    Actuación pendente

    A construción desta Edar forma parte do proceso para dotar a todo o municipio de Ribeira de saneamento integral, xa que na actualidade hai ata un total de sete parroquias que verten as súas augas sen depurar á ría. Queda aínda pendente a futura ubicación da outra EDAR prevista neste municipio, de maior tamaño, para a que se barallan varias opcións. O concello está aínda á espera de que Augas de Galicia determine cal será o lugar elixido.

    Redacción Barbanza