Os veciños de Rubiáns, en contra das obras da praza do Souto

    protesta_rubians_100.jpgVILAGARCIA> Denuncian que o concello non está respectando o acordado coa asociación veciñal. Queren paralizar os traballos.

    {flowplayer}images/salnes/VECINOS_RUBIANS_PRAZA.flv{/flowplayer}

    Os veciños de Rubiáns están indignados. Despois de moito tempo agardando pola reforma do campo do Souto, cando por fin acordan co concello os detalles da obra e unha semana despois de comezados o traballos, volven os problemas. Desta volta denuncian que o goberno local non está a respectar o pactado no proxecto. A asociación veciñal pedía que a praza se levantase en dúas bancadas para tratar de corrixir o desnivel do terreo. Pero segundo os afectados, todo indica que se vai facer un único plano.

    Á vista de que a obra non se estaba realizando como pactaran, os veciños reuníronse onte e acordaron mobilizarse esta mañá no campo coa fin de paralizar as obras.

    En canal Rías Baixas puxémonos en contacto co concello para coñecer a postura do edil de Xestión do Territorio, Marcelino Abuín. Segundo nos manifestan desde o gabinete de comunicación, o concelleiro está moi sorprendido pola reacción dos veciños de Rubiáns. Non lle parecen de recibo estas mobilizacións cando o colectivo foi recibido sempre que o solicitou. Máis aínda, desde Ravella puntualizan que o pasado xoves, o presidente da Asociación veciñal estivo no concello para interesarse polo proxecto e non presentou ningunha queixa. Abuín asegura que en canto se rexistre unha alegación formal estará disposto a recibir ós veciños, pero elude manifestar se, como denuncian en Rubiáns, se están a incumprir as obras pactadas.

    Redacción Salnés