Cuarta derrota consecutiva do Portonovo en Baltar

SANXENXO> A desta fin de semana volveu a ser unha xornada aciaga para os equipos do Salnés. Na Terceira o Vilalonga sacou un empate da súa visita ó Ordes mentres que o Portonovo volveu a caer na casa, desta volta ante o Vilalbés por 0-2.

{flowplayer}images/salnes/Portonovo_041010.flv{/flowplayer} 

Cuarta derrota consecutiva na casa e pechacancelas da xeral. Peor balance non puido obter o Portonovo desta xornada que pretendía ser a da súa recuperación.

Os de Ricardo víronse desbordados por un Vilalbés práctico que soubo atacar moi ben polas bandas e impedir que os centrocampistas locais engancharan cos seus dianteiros.

Pola banda esquerda do ataque verde Adrián foi un auténtico martirio. A perna cambiada desbordou como e cando quixo. O seu primeiro aviso chegou nun trallazo lonxano que foise alto. O Portonovo a través de Gándara, tamén tivo a súa, aínda que o disparo foi frouxo e desviado.

O primeiro tanto visitante chegou á media hora. Jesús internouse pola banda dereita, o seu centro non foi quen de despexalo a zaga portonovesa e Adrián, moi atento no segundo pau, enganchou unha volea que superou a Javi Díaz. O marcador semellaba xusto e os síntomas de recuperación por parte dos de Baltar aparecían de xeito tímido.

Antes do descanso os visitantes tiveron o segundo en dúas ocasións. De novo Adrián desbordou ó seu par. Javi Díaz evitou o gol e logo o remate de Omar petou no longueiro. Pouco despois, outra vez Adrián habilitaba para Dani pero Javi Díaz gañáballe a partida.

No segundo tempo mellorou o Portonovo pero non o suficiente como para inquietar ó seu rival, que adicouse a agardar atrás para saír á contra. A mellor dos de Ricardo estivo nas botas de Guimeráns, pero o seu lanzamento de falta foise alto.

A sentencia chegaría a cinco minutos para o remate. O enésimo erro defensa permitíu que Dani fixera o definitivo 0-2, deixando ó Portonovo no derradeiro posto da xeral e sen dar sinais de melloría.

O Vilalonga sacou un punto da súa visita a Vista Alegre nun partido no que só a incertidume do resultado deulle algo de emoción (1-1). Os de Gabi Leis acudían ó encontro con numerosas baixas e iso notouse no xogo, que foi moi trabado. O Ordes adiantouse na primeira parte grazas a un gol de Guillermo pero o verdadeiro protagonista do encontro sería o xoven canteirán do Vilalonga Oubiña, que rescatou un punto para os celestes no minuto 92, tras resolver un barullo dentro do área.

Con todo, o Vilalonga continúa en postos de descenso á espera de recibir a semana que ven a visita do sempre complicado Negreira.

Redacción Salnés