Arranque de campaña excepcional

campananoia.jpgNOIA> A confraría de pescadores de Noia sortea a crise cun comezo de campaña inmellorable.

{flowplayer}barbanza/exitocampananoia.flv{/flowplayer}

Había anos que a confraría de San Bartolomeu de Noia non iniciaba unha campaña con mellores expectativas. Nada máis e nada menos que preto de dous millóns de euros facturados na primeira semana de traballo; cifra que duplica os beneficios acadados durante o mesmo período do pasado ano.

O éxito reside na cantidade e gran calidade do marisco así como na escaseza de determinadas especies noutras rías e a redución da entrada de produto foráneo. A abundancia de capturas e a alta cotización acadada en lonxa fai augurar unha campaña excepcional.

Ampliación amarres

Precisamente, o incremento da actividade que rexistra o porto de Testal no que traballan máis de mil seiscentos mariscadores, levou a Portos de Galicia a investir preto de setecentos mil euros na ampliación das prazas de amarre para embarcacións menores.

A actuación que vén de iniciarse estará rematada nun paazo aproximado de seis meses. As obras contemplan a demolición dunha das ramplas de varanda para ampliar as liñas de pantalán existentes.

En total, crearanse oitenta novas prazas, cincuenta e unha de seis metros e vinte e nove de sete metros de eslora. Será preciso realizar unha dragaxe para o mantemento dos calados e procederase ó peche da zona da rampla cun peirao semellante ó existente.

 Esta actuación vén satisfacer unha vella demanda da confraría de pescadores que precisaba de novos amarres para dar cabida ó incremento de embarcacións que operan no porto.

Redacción Barbanza