José López Rivas non participará no Dakar 2011

SALNÉS> Se onte dábamos a mala nova da supresión do Rally Albariño, hoxe temos que falar da ausencia de José López Rivas no Dakar de 2011. A razón é de novo a falta de apoio económico. Por primeira vez en cinco anos Galicia non estará representada neste emblemática proba.

{flowplayer}images/salnes/dakar_251110.flv{/flowplayer} 

O Dakar Arxentina – Chile quedarase orfo de pilotos galegos na edición de 2011, que dará comezo a principios do mes de xaneiro. José López Rivas, alma máter do equipo París Dakart, con base en Sanxenxo, non poderá estar presente este ano despois de que lle fose imposible recibir a axuda económica correspondente á participación no 2010.

Nun comunicado enviado á última hora da tarde de onte, López Rivas amosa a súa decepción e tristeza. Gustaríalle que os políticos tivesen en conta a gran repercusión que ten a participación dun equipo galego nesta proba. Neste sentido o de Sanxenxo destacou que nos últimos catro anos foi o único piloto do noroeste penísular en participar nesta dura proba, e que nas últimas dúas edicións puido lucir en terras irmanadas a Galicia, como Chile e Arxentina, publicidade de institucións galegas que resultaron ser un auténtico furor para galegos e descendentes de galegos que viven neses países.

Segundo José López Rivas, a etapa máis dura do Dakar sempre foi a que precede á saída. O piloto afirma que non cobrou un euro pola participación do 2010 e que tivo que adiantar tódolos cartos que agora esperaban cobrar para cubrir un xa axustado presuposto.

Pese ó duro golpe anímico, López Rivas promete que volverá con forzas para tentar participar en 2012. Por diante aínda lle queda un reto por cumplir: o de se-lo primeiro galego en finalizar a proba na categoría de turismos. O ano pasado quedouse ás portas, a falta de catro etapas o seu coche dixo basta. Aínda así, foi o terceiro mellor equipo español e o único privado que puido sobrevivir dende o terceiro día.

Agardemos que sobreviva tamén a esta crise e que a ausencia deste ano sexa unha paréntese e non un adeus.

Redacción Salnés