Muros agarda impaciente boas novas sobre o secuestro do Vega 5

90

secuestrovegacinco.jpgMUROS> A preocupación apoderouse da vila de Muros nada máis ter constancia de que un dos seus veciños forma parte da tripulación do Vega 5.

{flowplayer}barbanza/secuestrovegacinco.flv{/flowplayer}

Trátase do patrón de pesca Alfonso Rey, de corenta e dous anos. Xunto a el viaxan outro galego, o pontevedrés José Alfonso García, tres indonesios e dezanove mozambiqueños.

A pesar de que as autoridades seguen sen confirmar que se trate dun secuestro, o desacougo entre os muradáns é máis que evidente ó saber que un dos seus veciños integra a tripulación do buque asaltado polos piratas no Índico.

Alfonso Rey leva anos faenando nestas augas, en embarcacións operadas por Pescanova, compañía para a que tamén traballou seu pai, de quen herdou a afección pola mar.

E se no porto de Muros non se falaba doutra cousa, a casa na que vive Alfonso xunto á súa muller rexistrou un constante ir e vir de amigos que quixeron acompañar á familia nestes momentos difíciles.

Angustia

Malia que os familiares prefiren ser prudentes e non facer declaracións ante a cámara, nos explicaron os momentos de angustia que están a vivir. Ata o momento, responsables de tódalas administracións puxéronse en contacto con eles para informar da situación pero aínda non se puido establecer contacto cos mariñeiros polo que non se pode constatar que se encontren en perfecto estado.

O alcalde de Muros tivo ocasión de visitar á familia para transmitirlle o seu apoio e poñer a súa disposición todos aqueles medios municipais que poidan precisar.

Esperanza

A fonda preocupación que se está a vivir en Muros non dou paso ó desánimo posto que todos agardan que este secuestro se resolva rapidamente cun final feliz. 

Aínda así, consideran que non estamos ante a mesma situación do Alakrana posto que a bordo do buque, con bandeira mozambiqueña, só viaxan dous españois e o resto da tripulación é doutras nacionalidades polo que nas negociacións deben intervir varios países.

Versión oficial

Dende a Consellería do Mar están a facer un seguimento do suceso dende o pasado día 28 de decembro, cando a embarcación perdeu a comunicación coa armadora. Insisten en que dende o día 31 o buque está localizado polo que non se pode afirmar se estamos ou non ante un secuestro xa que ata o momento non se ten pedido rescate.

Redacción Barbanza

COMPARTIR