O Barbanza capea o temporal con incidencias leves

    temporalbarbanzaxaneiro.jpgBARBANZA> Nos concellos do norte da ría, o temporal de chuvia e vento deixou tras de si todo un regueiro de incidencias aínda que ningunha grave.

    {flowplayer}barbanza/temporalbarbanzaxaneiro.flv{/flowplayer}

    A máis destacable foi a caída dun muro no Corrillo, en Boiro. Os operarios do Grumir procederon a sinalizar a zona para restrinxir o tránsito tanto de vehículos como de peóns posto que non se descarta que se produzan novos derrubamentos.

    Procedemento habitual

    Esta foi a actuación máis destacable que tiveron que acometer os servizos de emerxencia posto que o resto de saídas foron as habituais derivadas do mal tempo. Durante a xornada festiva traballaron no levantado das reixas dos sumidoiros para evitar inundacións e o venres retiraron un eucalipto en Cures e varios elementos desprazados polo vento.

    As inundacións tamén afectaron a varias parroquias do concello de Ribeira como Corrubedo con varias estradas anegadas, ou Aguiño que rexistrou un novo desbordamento do río Listres. Tampouco se librou o casco urbano de varios episodios de asolagamento.

    En Rianxo, ademais das intervencións na rede de sumidoiros para evitar atrancos tan só houbo que reseñar a retirada dun automóbil avariado na Ponte da Laxe por mor da auga procedente do río Te que afectou ó motor.

    Precaucións

    A Xunta de Galicia mantén a alerta durante toda a madrugada do venres e a primeira metade da xornada do sábado por mor un episodio de fortes chuvias. Ata entón, os servizos de emerxencia recomendan adoptar unha serie de precaucións para evitar accidentes.

    As predicións meteorolóxicas apuntan a unha melloría a partir do sábado pola tarde co que se agarda unha fin de semana máis tranquila.

    Redacción Barbanza