As garderías municipais ofertarán máis de 200 prazas o vindeiro curso

    escola_infantil_tombo.jpg SANXENXO> O vindeiro martes ábrese o prazo para a inscrición nas escolas de O Tombo e a que se está a construír na zona de O Revel.

    A partir do martes, os pais de nenos cun mínimo de tres meses e que non vaian a cumprir os tres anos antes do 31 de decembro, poderán solicitar praza nas garderías do municipio. Haberá dispoñibles máis de 200 no vindeiro curso, as 67 coas que xa conta a Escola Infantil ‘O Tombo’, en Padriñán, e a 134 do centro que se está habilitando na zona de O Revel, en Vilalonga, e que se prevé estea rematado en outono.

    En total, as prazas oficiais coas que conta o concello son 121, pero, como destacou a alcaldesa Catalina González, ‘a capacidade das escolas é moito maior, xa que as prazas se multiplican ó só poder acudir os alumnos e alumnas en horario de mañá ou de tarde’.

    Procedemento de inscrición

    Para facer efectivas as solicitudes será preciso cubrir o impreso de matrícula e presentalo antes do 15 de abril no rexistro do O. A. Terra de Sanxenxo, situado no Pazo Emilia Pardo Bazán. Esta inscrición deberá acompañarse dunha fotocopia do DNI dos pais ou representantes legais do cativo no caso de novo ingreso, xunto á fotocopia do libro de familia, o certificado de convivencia, a copia cotexada da declaración do IRPF e a vida laboral actualizada dos proxenitores ou titores. No caso de padecer algún tipo de discapacidade ou dependencia, deberán acreditalo tamén documentalmente, con certificados médicos, informes de valoración dos órganos competentes ou sentencias xudiciais nos casos de divorcio ou separación dos pais.

    Redacción Salnés