Tango e disfraces para gozar do sábado de piñata

    lorena_lores_copia.jpg VILAGARCÍA> Lorena Lores presenta o seu espectáculo ás 21.00 no Auditorio, e a partir da media noite, os aires británicos tinguirán o ‘Sábado Inglés’.

    ‘Cabaretango’ é unha viaxe musical polas orixes do tango, un xénero nacido na Arxentina alá polos anos 50. Precisamente este é o escenario no que se ambienta o espectáculo que esta noite trae ó Auditorio Municipal a artista Lorena Lores. Nun cabaret de Bos Aires, en plena época da inmigración de italianos e galegos, desenvólvense os capítulos nos que se van tratando temas de marcado carácter social, como a emigración, o desengano ou o amor, sempre ó son de pezas emblemáticas como ‘Cambalache’, ‘Garufa’ ou ‘El día que me quieras’.

    Lorena Lores é filla de emigrantes galegos nacidos no Grove. Pasou a súa infancia na Arxentina, e alí iniciou tamén a súa carreira musica, primeiro como corista de artistas como Franco De Vita, Carlos Mata ou Dyango, para logo retornar a Galicia no ano 2001. Xa en terras galegas crea a súa propia compañía coa que deseñou o espectáculo ‘Cabaretango’. Tamén editou tres discos, comercializados baixo os títulos ‘Alecríns’, ‘Dúas Beiras’ e ‘CabareTango’.

    A actuación comezará ás 21.00, e o prezo das entradas é de 8 e 10 euros.

    Sábado Inglés

    Pero a oferta de lecer non remata aquí. Neste sábado de piñata Vilagarcía pecha as festividades do Entroido coa celebración do ‘Sábado Inglés’. Así que a partir da media noite e ata as dúas da madrugada do domingo, todos aqueles que desexen participar deberán pasar pola explanada do Auditorio ataviados cunha vestimenta de inspiración inglesa. Alí sacaranlles a foto co dorsal que os identificará ante o xurado, composto nesta ocasión pola concelleira de Promoción Económica, Rosa Abuín, un representante de Ahituvi e outro de Zona Aberta.

    En total a organización repartirá 3.100 euros en premios. Hai tres categorías: individual, parellas e grupos. O agasallo estrela será unha viaxe para dúas persoas a Londres durante unha fin de semana, valorado en 700 euros. É o máximo galardón da categoría de parellas, na que tamén se concederá un segundo premio en metálico de 400 euros.

    No apartado de grupos repartiranse 1.000 ós clasificados no primeiro posto e 700 ós subcampións, mentres que na categoría individual o mellor disfrace levará 200 euros libres de impostos e o segundo 100.

    Redacción Salnés