Pasan a declarar os dez arousáns detidos na ‘Operación Sandía’

    DETIDOSOPERACIONSANDIA copia.jpg VILAGARCÍA> Foron apresados esta semana en Vilagarcía, Ribadumia e Cambados nunha nova fase deste operativo contra o tráfico de drogas.

    {flowplayer}images/salnes/SANDIA070411.flv{/flowplayer}

    Coas dez persoas detidas nesta semana elévanse a 22 os apresados ata o de agora no marco da Operación Sandía. Trátase dunha nova fase do operativo iniciado en xuño do ano pasado para a desarticulación dunha organización criminal dedicada ó tráfico de drogas e con base na ría de Arousa. Esta mañá os dez últimos detidos comezaron a pasar a disposición do titular do xulgado de Instrución número tres de Vilagarcía, encargado do caso. Todos son arousáns, tres deles mulleres, con idades comprendidas entre o 22 e 44 anos. As detencións producíronse nas localidades de Cambados, Vilagarcía e Ribadumia por parte de axentes da Unidade de Drogas e Crime Organizado da Policía Nacional. Xunto coas detencións, os axentes realizaron entradas e rexistros en varios inmobles nos que se incautaron de 115 gramos de cocaína, 900 de substancias de corte, 800 de hachís e 100 de marihuana. Tamén se interceptaron 2 pistolas simuladas, un revólver con munición, varios teléfonos móbiles e material informático, así como cinco básculas e 16.000 euros en efectivo.

    O pasado mes de febreiro producíanse os primeiros arrestos. Entón caeron 12 persoas, entre eles os considerados líderes da banda: un veciño de Ribadumia de 62 anos, dous albaneses de 30, un vilagarcián de 22 anos e un meañés de 45 alcumado ‘Doro’. A agrupación estaría encabezada por individuos do Este de Europa e dedicaríase á importación de heroína e substancias de corte para logo distribuíla.

    Redacción Salnés