Veciños de Cespón denuncian vertidos fecais a carón das súas casas

    vertidoscespon_100.jpgBOIRO> O pozo de bombeo emprazado na zona de Agüeiros recibe as augas de todo Cespón e Bealo, o que ocasiona frecuentes desbordamentos.

    O pequeno núcleo de Agüeiros, con menos dunha decena de vivendas, é a primeira vista un lugar idílico non só pola paisaxe senón tamén pola súa riqueza patrimonial e natural. Sen embargo, a instalación hai moitos anos dun pozo xeral de bombeo traduciuse na existencia constante de vertidos provocando un gravísimo impacto medioambiental.

    {flowplayer}barbanza/denunciavertidoscespon.flv{/flowplayer}

    Os veciños denuncian esta insostible situación que se agrava aínda máis durante os meses de verán. A pesar das súas reiteradas queixas e escritos, como o presentado o pasado ano no concello asinado por tódolos veciños, din que nada se ten feito ata o momento. Mentres as augas fecais procedentes de dúas parroquias seguen vertendo directamente ás portas das súas vivendas.

    Solución definitiva

    Segundo os veciños, a empresa concesionario do servizo limítase a enviar persoal de limpeza e mantemento cando os rexistros rebordan, tal e como acontecía esta mañá. Medida que tan só contribúe a aliviar o problema pero nin moito menos á súa solución definitiva. Pola súa banda, dende o concello explicaron que xa se aprobou un proxecto, presupostado en preto de sesenta mil euros, para a retirada do pozo e actualmente están á espera de conseguir financiamento por parte da Deputación.

    Sen embargo, este compromiso queda a expensas da corporación resultante das vindeiras eleccións municipais. O actual executivo confía en que, veña quen veña, acometa a retirada desta instalación autorizada no seu día polo goberno do PP.

    Redacción Barbanza