Cambados convida a viaxar pola obra escultórica de Asorey

expoasoreycambados copia.jpg CAMBADOS> A exposición está aberta no Pazo Torrado ata o 4 de setembro e inclúe trece pezas orixinais do artista e cinco fotos sobre as súas obras monumentais.

{flowplayer}images/salnes/EXPO_ESCULTURA_ASOREY.flv{/flowplayer}

Está chamada a ser unha das exposicións máis destacadas do ano en Galicia. O Pazo Torrado acolle desde onte trece esculturas realizadas polo artista cambadés Francisco Asorey, xunto a cinco fotografías de gran tamaño nas que se amosan algúns dos monumentos realizados polo escultor e que están espallados pola xeografía galega. Reunir tódalas resultou unha tarefa complicada, posto que algunhas como A Nai de Dor ou O Tesouro atopábanse fóra de Galicia, e foi preciso sometelas a un proceso de rehabilitación para poder trasladalas con tódalas garantías. É por isto que esta exposición constitúe unha oportunidade única para admirar a obra do que está considerado un dos mellores escultores españois do século XX.

A mostra supón un percorrido pola traxectoria artística de Asorey, as épocas polas que pasou e os diferentes materiais e técnicas que empregou nos seus traballos, en especial a madeira policromada e a escaiola.

Consellería de Cultura, Deputación de Pontevedra e Fundación Torrente Ballester traballaron cóbado con cóbado na montaxe desta exposición, xunto co concello de Cambados, un traballo que supuxo o desembolso de 65.000 euros e que se poderá visitar na capital do albariño ata o catro de setembro. Logo, as pezas viaxarán ata Santiago para exhibirse na Fundación Torrente Ballester e de alí trasladarase a Madrid.

Redacción Salnés