RIBEIRA> O concello de Ribeira está a xestionar cos sindicatos o traslado das súas sedes, situadas actualmente no edificio da praza de abastos.
{flowplayer}barbanza/reunionsindicatos.flv{/flowplayer}
No transcurso da reunión, celebrada na casa consistorial de Ribeira, chegouse a un principio de acordo entre o concello e os tres sindicatos que contan cun local no inmoble da praza de abastos.
A intención do executivo é trasladar as instalacións sindicais a unha ubicación alternativa de xeito para poder proceder á demolición do actual edificio e a construción do novo mercado, no que o andar superior estará ocupado por unha cafetería.
Traslado definitivo
Os representantes das tres formacións, Xosé Lamela de CCOO; Antonio Santamaría de UXT e Teresa Vidal da CIG amosaron a súa boa disposición a buscar unhas novas instalacións pero sempre que se trate dun traslado definitivo e non provisional.
Polo momento, non se concretou a futura localización das sedes sindicais aínda que o concello adquiriu o compromiso de habilitar un local para cada unha das agrupacións con características similares ós que tiñan ata o de agora de xeito que dea cobertura ás súas necesidades.
Dende o concello xa barallan diferentes alternativas que serán presentadas ós sindicatos para determinar de xeito consensuado a mellor opción.
Redacción Barbanza