‘Se a xestión integrada é prexudicial, plantaremos cara á Xunta’

    plenovillaxunta copia.jpg VILAGARCÍA> O debate plenario sobre a autonomía da área sanitaria do Salnés e a ampliación do hospital comarcal quenta os ánimos de goberno e oposición.

    {flowplayer}images/salnes/PLENO_EXTRAORDINARIO_SANIDADE.flv{/flowplayer}

    Tomar en consideración o escrito presentado no concello pola xunta de persoal do hospital comarcal reivindicando a autonomía da área sanitaria do Salnés, a adopción dunha declaración institucional ó respecto e a reclamación do inicio inmediato das obras de ampliación do centro. Eran os puntos que centraban o primeiro dos plenos extraordinarias celebrados hoxe en Vilagarcía. A sesión foi solicitada polos concelleiros de PSOE, BNG e Esquerda Unida, e deles partiron os primeiros dardos en contra da política sanitaria da Xunta e por ende, contra o goberno local, pola súa condescendencia co goberno autonómico.

    O atasco do plan funcional deseñado para ampliar o hospital do Salnés centrou a atención do BNG, que se pregunta onde están os cartos que se planeaban investir na actuación.

    Desde o executivo municipal recoñeceron estes atrasos, pero botan en cara a socialistas e nacionalistas que non fixeran nada ó respecto cando estaban no bipartito local e autonómico. E denuncian a campaña de difamación, din, que están a facer os grupos políticos con representación na Plataforma en Defensa da Sanidade Pública. A portavoz do PP Marta Rodríguez insistiu no argumento da consellería de Sanidade de que a integración das áreas non vai restar autonomía ó hospital comarcal, e ‘se a xestión integrada é prexudicial –sentencia- plantaremos cara á Xunta.

    Un debate estéril no que, por non haber non houbo nin acordo sobre cal debía ser a declaración institucional a adoptar. A votación rematou co apoio unánime da oposición ó escrito da xunta de persoal solicitando a ampliación do hospital. O Partido popular abstívose neste punto e votou en contra da participación na manifestación convocada para mañá ás oito e media da tarde.

    Luz verde ó crédito ó ICO

    A continuación deste pleno extraordinario estaba convocado outro no que se abordou a aprobación da solicitude dun crédito  ó Instituto de Crédito Oficial para o pago de contas pendentes a provedores do concello. A proposta do goberno local saíu adiante, como estaba previsto, cos apoios de Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista. Ámbalas dúas formacións xa anunciaron que votarían a favor da medida logo de que o executivo accedese a modificar o listado de entidades ás que se lles ían pagar as facturas, incluíndo a pequenos e medianos empresarios da comarca. IVIL optou por absterse, mentres que Esquerda  Unida votou en contra.                                                                                                                                             

    Redacción Salnés