Xornada redonda para o baloncesto do Salnés

CAMBADOS> Na Liga Femenina 2 o Cortegada venceu na complicada cancha do Pabellón Ourense nun partido moi traballado polas de Pepe Vázquez. No partidazo da EBA o Establecientos Otero impúxose ó Marín por oito puntos de diferencia e xa é líder virtual da competición.

{flowplayer}images/salnes/baloncesto_211111.flv{/flowplayer} 

Golpe enriba da mesa do Xuven que presenta a súa candidatura, non só a meterse na fase de ascenso senón a ser campión de grupo. Ante o Marín estaba en xogo tamén a hexemonía do baloncesto pontevedrés e ese título simbólico quédase en Cambados.

Foi un encontro moi igualado no que os de Yago Casal saíron moi enchafados e cun parcial de 17-4 de inicio tomaron o mando. Pero a actuación arbitral deslucíu o encontro. As innumerables faltas sinaladas polos colexiados, sobre todo no segundo cuarto, pararon o partido e fixeron que os visitantes entrasen pouco a pouco no encontro ata igualalo a 35 ó descanso.

Complicouse a cousa no terceiro cuarto, cando o Marín foi quen de coller unha renta de seis puntos (39-45). Sen embargo aínda quedaba a reacción local, liderada por Jesús Díaz del Río e Berni Castillo. Entre ambos dirixiron ó seu equipo á remontada e cun parcial de 17-3 nos últimos minutos do terceiro cuarto e no arranque do último fixeron que o final do encontro fose plácido para o Xuven, que acabou gañando por 80-72. Jesús con 23 puntos, e Berni Castillo cuns impresionantes 36 de valoración, foron os mellores no cadro amarelo que é segundo na táboa con catro victorias noutros tantos partidos, por detrás do Recinor Ferrol, líder pese a ter perdido un dos seus cinco partidos.

No grupo de cabeza tamén se coloca o Cortegada que é cuarto na táboa tras vencer en Ourense ó Pabellón. Arrancaron mellor as locais, pero a boa defensa do conxunto vilagarcián no segundo e no terceiro cuarto permitíulles entrar no derradeiro período dominando no marcador por 13 puntos de diferencia (45-58). De ahí ó final o Cortegada administrou a vantaxe sen problemas para vencer por 65-70.

Williams foi a máxima anotadora das de Pepe Vázquez con 18 puntos. Ylenia tamén destacou con 14 puntos para un total de 21 de valoración.

Redacción Salnés