A Volta Ciclista a España volve á provincia de Pontevedra

PONTEVEDRA> Nesta 67 edición, que se presentará oficialmente en xaneiro, contémplanse tres etapas que discorrerán por máis da metade dos concellos da provincia. Unha das etapas terá chegada en Sanxenxo, e as outras dúas sairán desde Cambados e desde Vilagarcía.

{flowplayer}images/salnes/vuelta_pola_provincia.flv{/flowplayer} 

A Volta Ciclista a España volverá a discorrer pola provincia de Pontevedra. Segundo confirmou hoxe o presidente da Deputación, Rafael Louzán, despois de máis dun ano de negociacións chegouse a un acordo con Unipublic, a empresa organizadora, para que nesta 67 edición se disputen tres etapas nas Rías Baixas. A caravana ciclista pasará por máis da metade de concellos da provincia, entre eles, Sanxenxo, Cambados, e Vilagarcía.

A caravana da Volta chegará a Galicia o 26 de agosto desde Cataluña, e tras unha xornada de descanso, o 28 disputarase a décima etapa con saída en Ponteareas e chegada en Sanxenxo. O día 29 haberá unha etapa contrarreloxio que sairá da praza de Fefiñáns.

O final desta etapa inda está por decidir, pero desde a Deputación confían en que sexa a cidade de Pontevedra. Por último o 30 de agosto disputarase a duodécima etapa con saída en Vilagarcía cara a provincia da Coruña.

A Deputación asegura que fará un importante investimento para que a Volta pase pola provincia, pero que traerá importantes beneficios. A organización ten previsto contratar 1.200 prazas hoteleiras por día.

Redacción Salnés