López Rivas abandona o Dakar tras completar a primeira etapa

dakardeportes.jpgSANXENXO> O piloto do Marineda City logrou completar a primeira fase da competición sen tracción 4×4. Tras avaliar o alcance da avaría, os técnicos concluíron que non era posible arranxalo a tempo para disputar a segunda etapa.

Tampouco houbo sorte esta vez. O piloto de Sanxenxo José López Rivas tivo que abandonar a súa aventura no Dakar tras completar a primeira etapa. Todo por un fallo mecánico no Mitsubishi L-200. O corredor do Marineda City logrou completar a primeira fase da competición sen tracción 4×4 e despois de loitar durante case dúas horas por saír do sector de dunas e area de 30 quilómetros que incluía a ruta entre Mar del Plata e Santa Rosa de la Pampa, na Arxentina.

Cando López chegou ó parque pechado e os mecánicos comprobaron o alcance da avaría, decatáronse de que era imposible arranxar o vehículo a tempo para comezar a segunda etapa. Nada máis coñecer a nova, o piloto de Sanxenxo declarou sentirse ‘amargamente decepcionado’ por ter que abandonar de xeito tan prematuro. Máis aínda tendo en conta que esta era a quinta vez que participaba no Dakar, e o ano pasado quedou ás portas de rematar a proba. Pero de novo entón, unha rotura na caixa de cambio do seu coche obrigáballe a abandonar. Aínda así non desiste, e López Rivas asegura que volverá a participar no Dakar ata que acade o seu soño de completar a competición.

Redacción Salnés