Prisión para tres detidos polo alixo de heroína de Tomiño

    heroina_jockey100.jpgPONTEVEDRA> O maior alixo de heroína interceptado en Galicia estaba custodiado por porcos e baixo o esterco dun curral en Tomiño.

    {flowplayer}images/salnes/alixo_heroina.flv{/flowplayer}

    Falamos da operación Jockey, un operativo que permitiu desmantelar unha das redes máis activas de tráfico de heroína na península e poñer fóra do mercado 111 quilos desta droga.

    Un operativo conxunto entre Garda Civil e a Policía Xudiciaria de Oporto que tivo este balance: doce detidos e a intervención de 111 quilos e medio de heroína, 2,6 quilos de coca e 50 quilos de sustancias para corte da droga. O balance complétase con dúas prensas para empaquetar droga, 8 vehículos de alta gama, 28 mil euros en efectivo, unha máquina para contar diñeiro e 130 teléfonos móbiles.

    O presunto xefe da banda é José González Rolán, ‘Pepe Pallana’, propietario dun concesionario de coches de alta gama na Garda. Ata el chegaron logo dunha longa investigación iniciada en abril de 2011. En novembro dese ano detivéronse en Portugal a dous cidadáns lusos con 4 quilos e medio de heroína e dous de cocaína que adquiriran á rede pontevedresa. Isto levounos ó xefe da organización, e a comprobar que usaba como correos para repartir a droga a un sobriño seu Roberto González, e a outro familiar portugués.

    O mércores pasado interceptaron ó sobriño do xefe en Tomiño, con 7 quilos de heroína no coche listos para entregar. E tras el caeu o resto da rede. Nos rexistros domiciliarios, en Tomiño, no curral dunha das propiedades vinculadas a José González atopáronse tres zulos coa droga.

    A operación foi coordinada polo Xulgado de Instrucción número dous de Cambados, que destacou a necesidade de manter a colaboración con Portugal para facer fronte a estes crimes transnacionais. 

    O xuíz xa decretou prisión para tres dos doce detidos, o presunto xefe José González, o seu sobriño Roberto González, e Jorge da Silva, un empresario portugués afincado en Cangas. A operación segue aberta.

    Redacción Salnés