A fin de semana deixa sete feridos en tres accidentes de tráfico

    accidentefinde.jpg SALNES> Dous dos sinistros tiveron lugar en Ribadumia, un deles o máis aparatoso, con cinco vítimas e dous coches implicados.

    Seis persoas feridas é o resultado dos dous accidentes de tráfico que tiveron lugar este domingo en Ribadumia. O máis aparatoso tiña lugar pasadas as oito do serán á altura de Comercial Piris e o bar Santiaguiño. No sinistro víronse implicados dous turismos, un Seat Toledo e un Volkswagen Pasat. Ó parecer, o Seat viña circulando pola estrada principal cando virou á esquerda para desviar a súa ruta. No momento de virar, atopouse de fronte co Volksvagen. Éste non foi quen de esquivalo e bateu con el.

    No Seat viaxaban tres irmáns, todos veciños de Ribadumia. Dous deles resultaron feridos de consideración polo que tiveron que ser evacuados a un centro hospitalario. Tamén tivo que ser atendido no lugar o pai destes, afectado por un ataque de nervios no momento no que chegou ó punto do sinistro. Menos graves quedaron as dúas mozas que ocupaban o Volksvagen, e que por precaución tamén foron atendidas por persoal médico.

    A espectacularidade do impacto fixo que un gran número de curiosos se achegasen ata o lugar. Sobre todo porque un dos vehículos acabou incendiándose. Ademais, a circulación veuse entorpecida mentres duraron os traballos de retirada dos vehículos e limpeza da estrada.

    Non foi o único suceso da xornada. Unhas horas antes, en torno ás catro, outra moza de Ribadumia resultaba feirda logo de chocar con outro vehículo no cruce regulado por semáforos que une as estradas de Leiro a Barrantes coa de Cabanelas. A muller, que aparentemente non revestía feridas de gravidade, foi trasladada ó hospital do Salnés. E en Caldas, un motorista foi arrolado por un turismo cando circulaba pola Nacional 550 preto da gasolineira de Carracedo. O condutor da moto, un home de avanzada idade, tivo que ser evacuado a un centro hospitalario con feridas nunha perna.

    Redacción Salnés