Xuventude ofrece rutas multiaventura para máis de 1.500 mozos

roteiros copia.jpg PONTEVEDRA> Son as prazas dispoñibles no programa ‘Roteiros’. En total en Galicia ofértanse 3.782. Vilanova e O Grove acollerán dous destes roteiros.

{flowplayer}images/salnes/PROGRAMA_ROTEIROS_110412.flv{/flowplayer}

Das 3.782 prazas que oferta o programa xuvenil ‘Roteiros’, máis de mil cincocentas ofrécense na provincia de Pontevedra. É o número de mozos que poden gozar de actividades multiaventura durante as fins de semana de abril a setembro, actividades que van desde deportes náuticos como kaiak ou bodyboard, ata escalada, rutas en bicicleta ou visitas culturais a museos.

Na comarca do Salnés desenvolveranse dous destes roteiros. O albergue xuvenil das Sinas, en Vilanova, acollerá o ‘Mare Nostrum’, no que 30 participantes por fin de semana poderán practicar actividades náuticas ou realizar rutas en BTT. O roteiro ‘Aventúrate no Salnés’ realizarase no Grove. Neste caso 22 mozos poderán coñecer a ruta das illas e das aves, ver de preto o traballo das mariscadoras ou veladas nocturnas de introdución á astronomía.

As cotas de inscrición en cada un dos roteiros van dos 70 ós 100 euros en función do programa. Os titulares de carné xoven terán un desconto do vinte por cento.

Os interesados poden obter máis información na web da Dirección Xeral de Xuventude, e reservar praza chamando ó números de teléfono 981 54 59 37 – 981 54 57 02 – 981 54 16 89 – 981 54 58 22, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00.

Redacción Salnés