Dous anos de prisión por un delito de pornografía infantil

    acusado100.jpg PONTEVEDRA> É a condena admitida por un portonovés acusado de distribución e posesión de materiais pedófilos. A petición inicial era de sete anos.

    {flowplayer}images/salnes/xuizo_pornografia.flv{/flowplayer}

    O xuízo, celebrado na Audiencia Provincial de Pontevedra, quedou visto para sentencia logo de acadarse un acordo entre as partes. Segundo explicou o fiscal Augusto Santaló, estaban condicionados por tres sentencias anteriores do Tribunal Supremo que xa sentaron xurisprudencia para casos coma este. O Supremo entende que o agravante de usar menores de 13 anos e imaxes vexatorias só se pode aplicar ós productores dos arquivos, non ós distribuidores. Polo que a condena para estes estaría entre 1 e 4 anos. Na negociación tívose en conta ademais que o acusado non tiña antecedentes penais.

    Os feitos remóntanse a finais de 2007, cando a policía brasileira advertía á Brigada de Información Tecnolóxica da Policía Nacional da distribución de arquivos informáticos con pornografía infantil desde un servidor español. En setembro de 2008 rexistrouse o domicilio do imputado e comprobouse que tiña no seu ordenador o programa emule, descargando e compartindo vídeos de contido pedófilo. Ademais na análise do disco duro determinouse que levaba tempo intercambiando arquivos con pornografía infantil co ánimo de satisfacer os seus desexos sexuais. No seu ordenador atopáronselle case dúas mil imaxes e 77 vídeos de contido pedófilo. Na súa detención, o portonovés recoñecera a posesión pero non a distribución, que si recoñeceu agora na vista oral.

    Tralo acordo, finalmente, a Fiscalía solicita unha condena de 2 anos de prisión, máis outros dous de inhabilitación para o exercicio de calquera oficio ou profesión que poida facilitar a relación con menores de idade. Ademais, pide o comiso dos medios informáticos, ficheiros e arquivos intervidos, e o pago das costas do procedemento.

    Redacción Salnés