Briallos xa recibe auga da nova ETAP Portas-Barro

    ETAPBRIALLOS100.jpg PORTAS> A Estación Potabilizadora de Auga entra en funcionamento para dar servizo tamén ó polígono Barro-Meis e, nun futuro, ós veciños de Barro.

    Os veciños de Briallos, en Portas, xa reciben auga da nova Estación Potabilizadora construída na parroquia. Eles, e as empresas que se instalen no polígono de Barro-Meis. A infraestrutura, que supuxo un investimento de máis de tres millóns de euros, conta con capacidade para surtir a quince mil habitantes, polo que está previsto que nun futuro, os residentes en Barro tamén se poidan beneficiar dos seus servizos.

    O conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, foron os encargados de encabezar a comitiva que esta fin de semana inaugurou as instalacións. Ámbolos dous mandatarios salientaron a importancia da ETAP para impulsar a actividade do parque empresarial e a implantación de novas empresas. De feito, segundo apuntou Louzán, o de Barro-Meis é un dos poucos polígonos nos que se están demandando parcelas para levantar industria. Nestes intres xa hai unha nave en funcionamento, catro en construción e desde o concello de Barro teñen previsto outorgar en breve novas licenzas.

    A este desenvolvemento do polígono contribuirá tamén o nó de Curro. Así o destacou o responsable de Medio Ambiente e Infraestruturas, quen apuntou a que este mesmo ano o nó podería estar xa en pleno funcionamento.

    A ETAP de Briallos ten o seu punto de captación no río Chaín. Mediante un colector, a auga lévase ata un pozo de bombeo e desde alí é impulsada mediante dúas bombas somerxidas ata a Estación de Tratamento. A infraestrutura dispón de dous depósitos e está pensada para tratar más de 38 litros por segundo, dos que 37 se destinan ó polígono industrial e 1,74 para o abastecemento da parroquia de Briallos.

    Redacción Salnés