‘Hai cartos para cédulas hipotecarias e non para as preferentes?’

    BNGPREFERENTES.jpg SANTIAGO> É a pregunta que o BNG presentou no Rexistro do Parlamento logo de lanzar este mes NGB unha oferta de compra de cédulas hipotecarias.

    Os deputados do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento Autonómico, Carlos Aymerich e Henrique Viéitez, presentaron esta mañá no rexistro da cámara unha pregunta para a súa reposta en comisión. Queren saber os nacionalistas por que Nova Galicia Banco dispón de catrocentos millóns para mercar cédulas hipotecarias emitidas en 2007 a ‘investidores cualificados nacionais e estranxeiros’, e non, din no escrito, para ‘solucionar a fraude das preferentes’. A pregunta dos parlamentarios vén a raíz da oferta de compra que a entidade bancaria lanzou o pasado día once deste mesmo mes. E fana en comisión parlamentaria porque segundo eles, citando palabras da conselleira de Facenda, Nova Galicia Banco vai ‘no mesmo barco que a Xunta’.

    Aymerich e Viéitez deixan entrever tamén no escrito a súa crítica á postura mantida polo presidente da Xunta na reunión da pasada semana con representantes dos afectados, xuntanza na que insistiu en que optase pola vía da arbitraxe para solucionar o conflito. Ós prexudicados por estes produtos bancarios non lles convence a opción, e así o manifestaron na reunión mantida onte no concello de Moaña. Din que o recurso á arbitraxe só solucionaría o problema dun cinco por cento dos afectados, aqueles que asinaron os contratos con pegada dactilar, nenos ou persoa cega, que implique a posibilidade de contratos irregulares. Por iso van seguir coas mobilizacións, á vez que aplauden a decisión do fiscal superior de Galicia, Carlos Varela, de preparar unha demanda civil de acción colectiva contra Nova Galicia Banco por posibles cláusulas abusivas nos contratos das participacións preferentes, demanda que se podería presentar a finais de xuño nin xulgado de Primeira Instancia da Coruña, cidade onde a entidade ten a súa sé social.

    Redacción Salnés