De novo a pleno o recoñecemento dun millón de euros en facturas

    asuntos_pleno_villacopy.jpgVILAGARCÍA> Así o adiantou esta mañá o alcalde, Tomás Fole. Explicou ademais que se trata de facturas incluídas xa no Plan de Pago a Provedores.

    {flowplayer}images/salnes/TEMAS_PLENO_VILLA_250512.flv{/flowplayer}

    A aprobación do expediente de modificación de créditos por crédito extraordinario para o recoñecemento dun millón noventa mil euros en facturas pendentes de pago incluídas xa no Plan de Pago a Provedores e a aprobación do expediente de cambio de finalidade do remanente de Tesourería. Estes son dous dos puntos que a corporación do concello de Vilagarcía debaterá o vindeiro luns en sesión plenaria.

     No primeiro dos casos o alcalde, Tomás Fole, aclarou que se trata de facturas que si estaban contabilizadas pero que, ó carecer de partida orzamentaria no seu día, é preciso agora facer un recoñecemento extraxudicial.

    Fole explicou, ademais, que o 30% desas facturas son anteriores ó cambio de goberno. Ademais, ó estar case a totalidade do orzamento do 2011 executado no mes de xuño, os gastos feitos con posterioridade fóronse sumando ós xa pendentes ata sumar agora máis dun millón de euros.

    En canto ó outro punto dos que falou o rexedor local, a aprobación do cambio de remanente de Tesourería, este explicou que esas partidas serán destinadas ó pago da primeira anualidade das obras do acondicionamento hidráulico do río do Con por valor de 44.208 euros e ó cambio do programa de contabilidade do concello e o equipo informático necesario.

    Con todo, Fole asegurou que ter aprobado os orzamentos do 2012 e o Plan de Saneamento a finais do 2011 lles está a permitir afrontar agora estas cuestións con tranquilidade. Asegurou que ó 80% da débeda que herdaron xa lle atoparon solución.

    Na orde do día do pleno tamén se incluirá, entre outras cousas, a aprobación do Convenio de Xestión do Centro de Día e da Memoria de actividades deportivas, amais das mocións presentadas polos grupos da oposición.

    Redacción Salnés