A Cidade da Cultura teatraliza Gallaecia Petrea

    SANTIAGO> A productora Escénate aporta escenas teatrais que fan máis ameno o percorrido por esta exposición.

    {flowplayer}images/salnes/Escenate.flv{/flowplayer} 

    As pedras, ¿poden falarnos?, ¿teñen sentimentos?, ¿memoria? Preguntas absurdas que trocan de significado cando visitamos a Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, a exposición Gallaecia Petrea. Un percorrido que nos leva pola prehistoria, pasando por Roma, a Idade Media ata chegar ó período actual. Pedras que forman parte de nós, da nosa historia. Para entender mellor esta mostra, do 27 ó 30 de decembro a productora Escénate participa activamente das visitas guiadas a esta exposición, realizando pequenas escenas teatrais ó longo de todo o percorrido. 

    Unha visita que pode resultar moi amena. Momentos máxicos, divertidos e para rir, ou para dar renda solta á imaxinación. Un espectáculo apto para tódolos públicos e no que poderán desfrutar, sobre todo, os cativos. 

    Estas visitas teatralizadas a Gallaecia Petrea xurden da unión da Cidade da Cultura e a productora Escénate, que leva dez anos realizando espectáculos coma este. No seu curriculum atopamos pases similares na Biblioteca Nacional ou no Museo do Prado.

    Cun músico e cunha actriz é suficiente para que Escénate lle dea un valor engadido a Gallaecia Petrea e a faga un pouco máis comprensible. A exposición, que leva varios meses aberta, está situada no Museo Centro do Gaiás e ocupa os catro andares. Estas visitas teatralizadas terán lugar do 27 ó 30 de decembro en dous pases: un ás 12:30 e outro ás 18:30 horas.

    Redacción Salnés