Piden a nulidade do xuízo por branqueo contra Marcos Vigo, relacionado cos Charlín

PONTEVEDRA> Primeira xornada do xuízo contra o vilagarcián Marcos Vigo, acusado dun suposto delito de branqueo de capitais procedente do narcotráfico. Xunto a el sentou tamén a súa irmá, que o fiscal sinala como coautora dos feitos. No momento da investigación, Marcos Vigo estaba casado con Noemí Outón, neta do patriarca dos Charlín. Vigo atópase en prisión preventiva, acusado de intentar introducir un alixo de 3.000 quilos de cocaína en Galicia.

O arousán Juan Marcos Vigo sentou esta mañá na bancada dos acusados por un suposto delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, en base a unha investigación da Axencia Tributaria entre os anos 1997 e 2003. Xunto a el senta a súa irmá, Marta Vigo, acusada dos mesmos delitos. 

Foi a compra de numerosos vehículos, vivendas, fincas e naves a que chamou a atención dos investigadores. Vigo insistiu en que mercou estes bens con cartos procedentes dos seus negocios de compravenda de vehículos e de hostalería, que moitas veces non puido poñer ao seu nome por estar sendo xulgado por tráfico de drogas.

Dende o servizo de Vixilancia Aduaneira, este negocio vese como unha tapadeira para o tráfico de drogas.

Por esta afirmación, as defensas pediron ao tribunal que deduza o testemuño deste axente. Os avogados pediron tamén a nulidade de todo o procedemento, por considerar que vulnera os dereitos fundamentais dos dous irmáns.

O Ministerio Fiscal incidiu tamén na relación de Marcos Vigo co clan dos Charlín. No momento da investigación estaba casado coa neta do patriarca Manuel Charlín, Noemí Outón. Na actualidade, o arousán está en prisión preventiva, pendente dun xuízo por intentar introducir en Galicia 3.000 kg de cocaína no pesqueiro Riptide.

Para os dous irmáns, a Fiscalía pide cinco anos de prisión e unha multa de 6 millóns de euros. O xuízo retomarase este xoves.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/16/xuizo_branqueo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/06xuno/16/xuizo_branqueo.mp4{/flowplayer}