Cambados e Xunta poñen a punto os camiños rurais do concello

CAMBADOS> Cambados mellora varios camiños agrícolas en Castrelo e Corvillón. Recorrendo a fondos do Agader, o concello destinou preto de 44.000 euros para recuperar treitos que, ata o de agora, estaban practicamente intransitables. A intención do goberno local é seguir traballando nesta liña, facilitando o paso de veciños e maquinaria.

Cambados mellora o estado dun quilómetro e 800 metros de camiños rurais. O concello vén de asfaltar tres treitos en diferentes puntos do municipio: dous na parroquia de Corvillón, nos lugares da Veiga e Refoxos, e outro en Sartaxes, en Castrelo. Este último é o de maior lonxitude, e beneficiará ao redor de 70 veciños.

Deste xeito, o concello aproveita o plan Agader da Xunta para atender as demandas dos veciños cunha achega de 43 mil euros.

O concello xa traballa no Plan Agader 2018-2019. A convocatoria está aceptada e aínda que as actuacións están pendentes de licitar, xa se coñece a listaxe dos camiños que se mellorarán.

De cara o plan do 2020, a intención do concello é rematar o arranxo dos camiños aínda pendentes. Sería o caso de tres treitos na parroquia de Castrelo e un no Alto da Modia.